atasco.jpgO Plano Parcial de Ordenación do sector nº 10 de Solo Urbanizable Industrial denominado polígono empresarial San Martiño 2 considera que a bicicleta e ir a pé non se poden considerar como alternativas de transporte a considerar para o polígono en base a un conxunto de inconvenientes como a distancia que separa o sector de Sigüeiro, a descontinuidade da trama urbana, a climatoloxía, a inseguridade vial, etc.

Mais estudando polo miúdo o proxecto, constátase que o polígono situarase na parroquia de Oroso, a unha distancia de 1.500 m ao norte do núcleo urbano de Sigüeiro. Se estimamos unha velocidade "de paseo" de 12 Km/h en bicicleta esta distancia percórrese en menos de 8 minutos. Outras poboacións como A igrexa, Os Mariñaos, Vilacide e Vilanova están aínda máis próximas, sendo, xa que logo, a bicicleta un excelente medio de transporte para estas localidades. Tamén, ao respecto da xeomorfoloxía, o plano contradise ao considerar noutro apartado que o contexto xeográfico caracterízase pola presenza de superficies aplanadas ou de suaves abas cunha pendente media do 5%, perfectamente axeitado para a bicicleta.

O proxecto indica que o tráfico de vehículos constitúe outro foco de emisións contaminantes á atmosfera, estimándose en 800 vehículos/día o tráfico correspondente aos traballadores e traballadoras, aínda que recolle noutro apartado entre 1.000 e 2.000 postos de traballo directos xerados polo polígono, aos que habería que sumar 3000 vehículos de visitantes e 350 camións. A carga contaminante deste movemento de transporte a motor esixe medidas redutoras, e así consta na lexislación sectorial que limita as emisións de CO2 e outras sustancias xeradas no proceso de combustión. Neste aspecto a bicicleta ofrece claras potencialidades de redución de emisións, soa ou en combinación co transporte público colectivo.

Por todo isto, Verdegaia demanda ao Concello de Oroso que corrixa o plan parcial pasando a estimar a bicicleta como unha alternativa válida e desexable ao sistema motorizado que o planeamento debe recoller e afortalar e que modifique o planeamento en todos aqueles epígrafes e planos que se precise para recoller o emprego da bicicleta como medio de transporte preferente dentro do polígono, nos accesos ás poboacións das proximidades (incluído Sigüeiro), nos accesos intermodais co transporte interurbano, e nas comunicacións entre as poboacións e dotacións da área.

pdf Descarga as alegacións 214.02 Kb