Entrega Alegacións Isabela II en ZasVerdegaia vén de presentar alegacións ao proxecto de investigación mineira Isabela II,  que abrangue un total de 43,6 km2 (aproximadamente 5 veces o que ocupaba o proxecto de Edgewater para Corcoesto), e afecta a terreos dos concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco.

Verdegaia ‒dende fai anos‒ está tratando de que se facilite o acceso aos expedientes que están en exposición pública, e a información ambiental en xeral, de tal maneira que se favoreza a participación de persoas, asociación e entidades (como os concellos afectados) na mellora ou rexeitamento dos expedientes, proxectos ou plans propostos pola Dirección Xeral de Enerxía e minas ou o organismo público que corresponda.

Neste caso pedíamos que se publicase o proxecto en Internet, que se facilitase en formato electrónico cando fose solicitado, e que se orientase nos concellos afectados a veciñanza sobre o contido dos mesmos. Resúltanos paradoxal, que cando a Lei esixe que os concellos emitan un informe sobre o proxecto de explotación, nalgún caso os alcaldes dos concellos afectados non saiban nin sequera que estaban en exposición pública.

O permiso de investigación proxectado de Isabela II excede, nada menos que nun 1040%, o límite de 15 cuadrículas establecido na lei de ordenación da minaría de Galicia, sen que se xustifique en ningún momento a excepcionalidade de dita situación.
Ademais, carece totalmente de definición: nin aclara o procedemento e medios a empregar, nin determina a capacidade técnica ou competencia do equipo técnico, que non chega a especificarse.
Os orzamentos, obsoletos, están datados no ano 2012, e neles faise referencia a un tipo de IVE (18%) que xa non está en vigor desde hai varios anos.

Tampouco se proporcionan os planos de situación dos labores, nin se proporciona estudo xeolóxico algún. Esta falta de localización das sondaxes invalida o proxecto.

Falta, ademais, o estudo dos posibles impactos ambientais, requisito recollido na lexislación, e tampouco se determina a posible afectación aos bens arqueolóxicos, paisaxísticos e etnográficos.

Por se iso fose pouco, o proxecto carece totalmente de solvencia económica, partindo, sen ningún tipo de demostración, dunha lei  (5 gr/Tm) maior que a calculada para Corcoesto, e dun prezo do ouro (1.886 dólares a onza) que hai moito tempo que pasou á historia. A isto únese a falta de solvencia do promotor, que ten xa historial de sancións en outras Comunidades Autónomas por danos ambientais e incumprimento da obriga de restaurar.

En Verdegaia pensamos que con estas eivas o proxecto tiña que ter sido devolto aos seus promotores, e por iso solicitamos a denegación do permiso investigación.

Pensamos que é hora de que a nosa Administración comece a apoiar e promover iniciativas sustentables que garantan un futuro estable na zona, e non proxectos especulativos que non fan outra cousa que vendernos fume, ademais de gozar de subvencións pagadas cos nosos impostos e que consideramos deberían ir destinadas a outras cuestións de maior interese para toda a poboación.

Alegacións de Verdegaia ao proxecto de investigación mineira Isabela II