Verdegaia considera que o Plan de Utilización de Espazos Portuarios presentado pola Autoridade Portuaria do Porto de Vigo continúa coa filosofía de crecemento ilimitado da área portuaria dentro dun ecosistema limitado como é a ría de Vigo, filosofía obsoleta que contradí os principios de desenvolvemento sustentábel e de prevención da Unión Europea.
Así mesmo consideramos que un Plan coma este, fundamental para a cidade e a súa ría, debeu de ser exposto públicamente dun xeito máis transparente e participativo. O documento atopábase, sen nengún tipo de indicación, no 3º andar do edificio da Autoridade Portuaria, no medio dun despacho, nunhas condicións que non se poden considerar as máis axeitadas para a súa exposición pública, tan só permitíndose fotocopiar un número limitado de páxinas e, de existir a necesidade, solicitar o resto por escrito. A falla de información chegou a tal punto que os propios empregados da Autoridade Portuaria non sabían onde se atopaba. Non podemos entender que en plena época das Novas Tecnoloxías a paxina web do Porto de Vigo non recolla información do referido plan.
Por outra banda atopamos graves eivas ou actuacións de dubidosa legalidade no PEUP:
-
Ausencia de informes de sustentabilidade ambiental.
-
Non se contempla o rescate da concesión das empresas alleas ao porto en chan portuario.
-
Non se inclúen claras xustificacións dos diferentes usos de cada zona portuaria.
-
Non atopamos unha descrición axeitada dos usos da lámina de auga.
-
Non aparecen medidas de control ambiental que garantan unha mellor calidade das augas da ría.
-
O PEUP contempla a ampliación do peirao de Bouzas, se ben unha parte sobre pilotes, a maior parte sería un aterramento puro e duro, incumprindo o artigo 8 do Plan Especial do Porto. Dito aterramento non está xustificado dado que a maior parte das instalacións existentes na Zona de Bouzas non deberían situarse no porto sen falar das graves consecuencias medioambientais e para a biodiversidade da ría.
-
Legaliza o porto deportivo da Lagoa, que se atopa nunha situación irregular, sen vías de acceso terrestre e que non contempla o uso aberto o público das súas instalacións. Non fai referencia as distintas praias existentes nesta zona como as praias da Lagoa, da Fábrica e da Manquiña, deixándoa sen ningún tipo de espazos que poida utilizar a cidadanía.
-
Contemplase unha zona de reserva que inclúe a Praia de Mende, rehabilitada recentemente trala construcción da EDAR de Teis, que pasaría a ser de uso portuario e non para o desfrute da cidadanía.
-
Contempla Usos Portuarios de Reserva no LIC (Lugar de Interese Comunitario) REDE NATURA 2000 Enseada de San Simón. Sobre este espazo natural, a directiva Hábitat contempla a imposibilidade de realizar actuacións nela ou no seu contorno que afecten aos hábitats situados na zona a protexer. Igualmente, na actualidade, estase a elaborar dende a Consellería de Medioambiente o Regulamento de Xestión e Usos deste espazo protexido polo que debería agardarse a publicación de dito Regulamento para a ordeación do territorio LIC.
-
Na zona de Moaña contémplase a calificación como Zona Portuaria de Reserva en areais como as praias do Latón, do Cocho (Meira) e do Mouro (Domaio), zonas de especial importancia debido ao seu uso social pola cidadanía amais do seu valor ambiental.
-
O PUEP legaliza o porto deportivo previsto en Punta Balea paralizado na actualidade e recorrido xudicialmente. Amais sen ter en conta as súas consecuencias medioambientais por unha banda, e as socioeconómicas para os traballadores e traballadoras do mar, por outra.
Polo tanto dende a Asociación Ecoloxista Verdegaia solicitamos a retirada do presente Plano de Utilización de Espazos Portuarios e a redacción dun novo baseado nos principios comunitarios recollidos xa no VI Programa Marco de Acción Comunitaria en Materia de Medio Ambiente, no cumprimento da lexislación ambiental vixente, na compatibilización de usos, na participación pública e que renuncie aos obxectivos especulativos e extremadamente lucrativos que seica priman no Plano exposto a exposición pública.