Verdegaia quere expresar a súa preocupación pola falta de transparencia e o incumprimento da normativa por parte da Xunta de Galiza no que respecta á xestión de residuos no noso país.
A Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático publicou o 7 de agosto un anuncio no Diario Oficial de Galiza, informando que o Plan de xestión de residuos municipais de Galiza 2023-2030 estaba disponíbel para o trámite de información pública. Con todo, até o 18 de agosto o Plan non foi publicado, a pesar de que se informou á Xunta de Galiza, mediante rexistro electrónico, da ausencia do plan na sede electrónica indicada.
Este feito vai en contra do artigo 54.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galiza, que establece claramente os pasos a seguir para a información pública dos plans de xestión de residuos, incluíndo a súa publicación na sede electrónica da Xunta de Galiza. A falta de transparencia na xestión destes asuntos compromete a participación cidadá e dificulta a supervisión dos plans e políticas ambientais. Finalmente e, posíbelmente grtazas á nosa petición de trasnparencia, o Plan foi publicado na web con case 15 días de demora despois do anuncio realizado pola administración e indicando o prazo de participación pública entre o 18 de agosto e o 1 de outubro, prazo no que a nosa asociación ten previsto realizar suxestións de mellora.
É importante lembrar que, segundo a “MEMORIA ANUAL DE GENERACIÓN Y GESTIÓN DE RESIDUOS DE COMPETENCIA MUNICIPAL 2020”, publicada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Galiza aínda se enfronta a enormes desafíos en canto á xestión de residuos. O 77% dos nosos residuos son vertidos ou incinerados, destacando a alta taxa de incineración, que contribúe á emisión de gases de efecto invernadoiro e substancias tóxicas á atmosfera. Somos a comunidade que máis residuos incinera, cun preocupante 46% fronte ao 10% a nivel estatal.
Tamén estamos lonxe de cumprir cos obxectivos establecidos pola Directiva de Residuos da Unión Europea. A preparación para a reutilización e a reciclaxe de materiais, así como a recuperación de residuos non perigosos de construción e demolición, están moi lonxe dos índices mínimos esixidos. As metas establecidas para a reciclaxe de residuos municipais tamén están moi lonxe de seren alcanzadas para os anos 2025, 2030 e 2035. A UE estabeleceu un obxectivo de 60 % para a reutilización e reciclaxe de residuos urbanos até 2030.
Neste contexto, resulta comprensíbel a preocupación de Verdegaia e de toda a cidadanía pola falta de transparencia na xestión de residuos e a aparente tentativa de ocultar os plans futuros da Xunta de Galiza. Non podemos permitir que o noso país continúe tratando os problemas de xestión de residuos como unha cuestión secundaria. Instamos á Xunta a cumprir coa súa obriga de informar e involucrar á cidadanía na construción dun futuro máis sustentábel.