Esta semana, numerosos medios de comunicación difundiron “o saber facer” da Xunta na conservación do salmón nos ríos galegos. Do que non informa a Xunta é de todas as ameazas que sofren estes peixes nos nosos ríos, do deixamento da administración para intentar solucionalas e da falta de cautela ao tomar algunhas medidas.
O Conselleiro recoñece que o furtivismo é unha das maiores ameazas do salmón. Estas afirmacións deberían inmediatamente repercutir nun descenso do cota anual de salmóns por pescador.
Non son poucos os problemas que afectan aos nosos salmóns. Os criterios da U.I.C.N. suxiren que as melloras do hábitat (manter os trazados naturais do río, as zonas de cría, un bosque de ribeira en bo estado, etc.) deben ser as primeiras medidas a tomar.
Parece que falando de salmóns, esquecemos sistematicamente todas as minicentrais e presas que ateigan os cursos galegos (e as que inda están por chegar). É imprescindible lograr a permeabilidade de todos eses obstáculos e mellorar a mobilidade dos salmóns no río, así como asegurar un caudal ecolóxico (con todos os matices que pode ter este termo). A proliferación de infraestruturas nos nosos ríos é unha das causantes do deterioro do hábitat acuático e da diminución das áreas de desove, o que significa menos lugares propicios para a cría e polo tanto menos salmóns nos nosos ríos.
Por outra banda, non son nada desprezables os verquidos que sofren os nosos ríos salmoneiros, tanto pola mala xestión das augas fecais nos concellos, como polo escaso control das actividades agrícolas, especialmente da xestión e uso dos xurros. É necesario aumentar o número de axentes medioambientais e vixiantes de recursos naturais para que a custodia dos nosos ríos non quede nunha utopía.
Realmente, parece que a única medida adoptada para frear o declive do salmón é soltar máis salmóns (alevíns). Algunhas soltas foron realizadas incluso con exemplares procedentes doutros países norteños, a pesar de que numerosos artigos científicos sinalan as repercusións negativas que pode ter sobre as nosas xa de por si debilitadas poboacións, o perigo sanitario e a contaminación xenética que supoñen para as mesmas.
Existen numerosas razóns científicas que sinalan que as repoboacións non son só unha solución a rexeitar, senón que poden converterse nunha ameaza máis para a especie. Entre elas, figuran as seguintes:
– Destrúese o proceso de selección sexual que favoreceu que os mellores e máis adaptados exemplares de salmón contribuísen á mellora xenética da especie de modo natural.
– A cría en catividade de alevíns constitúe un proceso de “domesticación” que supón un relaxamento dos mecanismos anti-depredatorios, do aprendizaxe da busca de alimento natural e polo tanto inflúe na selección dos exemplares máis aptos. O que de novo vai en contra da mellora xenética.
– Os alevíns medran en condicións artificiais o que dificulta a súa adaptación ao variable entorno acuático.
– As crías proceden dun número reducido de “pais”. É posiblemente un dos efectos máis alarmantes a medio e longo prazo. Isto produce unha perda de variabilidade xenética e aumenta os fenómenos de deriva xenética.
– Repoboar salmóns sen eliminar as causas que produciron o seu declive é unha acción moi vendible ante a sociedade pero realmente non é máis que dilapidar os cartos públicos.
– Ademais do anteriormente mencionado, debemos destacar o impacto que supoñen as piscifactorías para o medio acuático, tanto polo espazo que ocupan como pola contaminación orgánica e patolóxica que xeran.
Existen estudos que sinalan que a recuperación debe ir dirixida a conservar os salmóns multi-inverno (que pasaron máis dun inverno no mar e que miden máis de 65 cm e pesan máis de 3’5 kg.), xa que son os mellores reprodutores e de maior interese piscícola. A súa descendencia ten máis capacidade de retorno ao río e a súa carga xenética é máis valiosa, xa que producen estatisticamente máis do dobre de descendentes multi-inverno. Polo tanto, a súa protección é máis valiosa de cara á conservación da especie. Estes salmóns son os primeiros en remontar o río, polo que as datas de pesca son moi importantes nas medidas de xestión.
As medidas tomadas para recuperar o salmón adoitan estar baseadas en razóns políticas en vez de criterios ambientais. Para mellorar as poboacións de salmón é necesario adoptar medidas innovadoras e valentes como acoutar zonas salmoneiras, fomentar a pesca sen morte, restrinxir a época de pesca ata mediados de xuño, fomentar a pesca con mosca ou prohibir a captura de salmóns de gran tamaño (son mellores reprodutores, especialmente as femias). Desgraciadamente, a Consellería non se decide a apostar por estas medidas respaldadas científicamente e adoita sucumbir ante a presión dalgúns colectivos que se negan a colgar temporalmente a cana e cuxas peticións son concedidas en detrimento doutras medidas máis acordes con criterios biolóxicos de xestión e conservación.
Curiosamente, España é un dos países onde máis vulnerable é a poboación de salmóns e onde menos medidas drásticas se toman para a súa protección.