Verdegaia acaba de apresentar perante a Consellaría do Ambiente unha proposta de ampliación do LIC das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. Alarmados pola redución da superficie do LIC nun 25% desde o ano 1999, pola degradación sufrida na maioría dos Hábitats de Interese Comunitario -fundamentalmente aterramentos de turbeiras, lagoas e bosques de ribeira- e polas planificacións urbanísticas municipais que prevén a eliminación de máis bosques de ribeira e gándaras, a creación de novas áreas industriais ao carón do Camiño Portugués e o aterramento de parte da lagoa de Budiño para permitir o crecemento do polígono industrial das Gándaras; a nosa asociación co apoio da AHE (Asociación Herpetolóxica Española) redactou un documento no que sinala que a superficie mínima a facer parte da Rede Natura para garantir o futuro deste espazo natural é de 872 hectares (actualmente son 727) sempre e cando a Consellaría comece a xestionar o LIC.

Verdegaia quer lembrar que a UE está a esixir a Galiza, a través do Estado español, a inclusión na Rede Natura de hábitats turbosos e gándaras existentes no espazo natural que a propia Consellaría e o Ministerio do Ambiente decidiron excluír do LIC no ano 2004 para o beneficio de especuladores da bisbarra. Por isto, e para evitarmos a desaparición dunha das zona húmidas máis importantes do País, confiamos en que por primeira vez a Consellaría sexa sensíbel á necesidade de protección das Gándaras de Budiño e das Ribeiras do Louro e inclúa a nosa proposta na vindeira ampliación da Rede Natura galega.

 

Anexo:

VARIACIÓN DA SUPERFICIE DO LIC (Lugar de Importancia Comunitaria)

 

ANO

SUPERFICIE INCLUÍDA NO LIC

NORMATIVA AUTONÓMICA

DATA PUBLICACIÓN OFICIAL

(DOG)

1.999

958 ha

Orde de 28 de Outubro

9 de Novembro de 1999

2.001

834 ha

Orde de 7 de Xuño de 2001

19 de Xuño de 2001

2.004

727 ha

Decreto 72/2004 de 2 de Abril

19 de Maio de 2004