proemaidO vindeiro 7 de maio serán xulgados en Grecia Manuel Blanco, Julio Latorre e Enrique Rodríguez, bombeiros de profesión e membros da ONG PROEMAID. Esta ONG está constituída por profesionais das emerxencias que ofrecen a súa colaboración de xeito voluntario e altruísta.

Os tres bombeiros están acusados dun terrible delito: salvar vidas.

Manuel, Julio e Enrique foron a Lesbos para facer o que levan tempo facendo como voluntarios da súa ONG: axudar ás persoas refuxiadas procedentes de países de Oriente Medio que están en guerra. 

Alí foron detidos polas autoridades gregas na madrugada do xoves 14 de xaneiro de 2016, cando realizaban labores de rescate e salvamento, e foron postos a disposición xudicial, acusados de tráfico de persoas, a pesar de que no momento do arresto a embarcación na que se encontraban non levaba migrantes a bordo. Canda eles foron arrestados outros voluntarios daneses da ONG Team Humanity.

Tres días despois eran postos en liberdade baixo fianza, á espera do xuízo que se celebrará en poucos días en Mitilene, capital de Lesbos.

Desde Verdegaia queremos facer público o noso apoio a Julio, Enrique e Manuel. Pensamos que os feitos dos que están acusados non só non deberían constituír ningún tipo de delito, senón que merecen o noso agradecemento e admiración.

A solidariedade non pode ser considerada un delito. Moito menos neste caso, cando os feitos dos que se acusa a estas tres persoas constitúen en realidade unha obriga, en cumprimento do Dereito do Mar en xeral, e en particular do Convenio sobre seguridade da Vida no Mar. Este impón como obriga irrenunciable o salvamento das persoas náufragas, e o traslado das mesmas a un porto seguro.

Non pode ser que se criminalicen as labores humanitarias, accións de salvamento que non son senón un deber que eticamente ten calquera ser humano.

Apoiamos e agradecemos a labor humanitaria realizada por Manuel Blanco, Enrique Rodríguez e Julio Latorre. E reiteramos a nosa convicción de que calquera persoa solicitante de asilo ou refuxio ten o dereito inalienable a ser tratada de acordo cos convenios internacionais, convenios que con detencións como esta   convértense en papel mollado.

A nosa solidariedade cos tres, e o desexo de que sexan declarados inocentes. Porque salvar persoas non pode ser un delito en ningún país.

Tamén queremos engadir que tanto este caso como a recente inmobilización dun barco de Proactiva Open Arms en Italia non son feitos illados ou froito de decisións xudiciais excéntricas, senón elementos sintomáticos dunha política xeral da Unión Europea ao respecto da súa fronteira sur, política na que cada país colabora ao seu modo: exercendo unha violencia directa contra as persoas migrantes e quen as defende, como neste procesom nas accións policiais do Estado español en Ceuta e Melilla ou nos CIE e centros de encerro de persoas migrantes; negociando con países fronteirizos como Marrocos  mecanismos ilegais e inhumanos como as devolucións en quente ou o abandono de persoas no deserto; na xestión das actuacións do Frontex; ou coa negación do dereito  elemental ao asilo. Pero tamén mediante determinadas políticas de intervención militar en países como Libia ou Siria, ou co comercio de armas cara estados como Arabia Saudita, tal como se ten asinado recentemente en España, incluíndo a fabricación de buques militares en Navantia-Ferrol.