O pasado 17 de setembro, ate o domingo 21, tivo lugar, na cidade sueca de Malmö, o V Foro Social Europeo, un espazo de encontro de diferentes movementos sociais de toda Europa – e tamén de Asia, África e América- que converxeron nas diferentes actividades, mesas redondas e espacios abertos do Foro.

Estaban presentes redes e organizacións internacionais como o Transnational Institute de Holanda, Seattle to Brussels network, Vía Campesina, Focus on the Global South, ou a rede Enlazando Alternativas de América Latina e Europa.

Milleiros de obradoiros e seminarios, así como centos de actividades culturais, espallábanse pola cidade, tratando temáticas de contenido social, político, e ambiental.

Así, falouse sobre os impactos dos Tratados de Libre Comercio nos países do Sur e do Norte, sobre o crecente poder das Transnacionais, sobre as políticas migratorias racistas da Unión Europea, sobre o militarismo, sobre o Tratado de Lisboa; sobre a criminalización dos movementos sociais; houbo seminarios de análise sobre a crise financieira global actual; charlas sobre a precarización laboral e retroceso nos dereitos sociais na UE; mesas redondas sobre a alza dos prezos dos alimentos e a implantación da soberanía alimentaria dos pobos; e por suposto non faltou o debate sobre a crise ambiental actual, a mudanza climática, o decrecemento económico, os agrocombustibeis, o dereito universal á auga …

En definitiva, expúxose e analisouse canta problemática existe na actualidade, intercambiáronse experiencias, presentáronse alternativas, formas de resistencia común, e xurdiron varias campañas de loitas concretas.

Tamén se realizaron accións directas pacíficas contra os agrocombustibeis en varias estacións de servicio. Fronte a gasolineira de Shell, varios activistas cortaron o tráfico, para preguntar aos conductores -mentras se lles ofrecía un prato de pasta con salsa- se preferían que os cultivos (como o millo, a caña de azúcar ou a soia) fosen utilizados para a alimentación das persoas o para a elaboración dos agrocombustibeis.

O sábado @s asistentes ao Foro saíron á rúa para manifestarse ao grito de “Contra o capitalismo e a destrucción ambiental: Outro mundo é posible”. Asistiron 20.000 persoas de todos os grupos e cores, movementos pacifistas, indígenas, ecoloxistas, grupos de defensa dos Dereitos Humanos, grupos de apoio a América Latina, grupos antiglobalización, antisitema, sindicatos, etc.. A quilométrica manifestación, que durou case catro horas, transcurriu pacíficamente entre un mar de faixas e bandeiras con lemas reivindicativos, cánticos divertidos, e músicas variadas, ate rematar nun fermoso parque onde se leu o manifesto entre ritmos latinos e africanos.

A nota mellorable foi a coordinación do foro, fallou a traducción en varios obradoiros e os talleres estaban demasiado dispersos pola cidade, pero polo demáis, o Foro Social Europeo foi un espacio de encontro, de reflexión colectiva, de aportar alternativas para un mundo máis xusto, un espacio onde se fortaleceron as redes xa existentes, onde xurdiron novas estratexias para cambiar a sociedade, e onde se aunáron as mesmas reivindicacións de grupos de diferentes recunchos do planeta.