herba-da-pampaO Plan de Excelencia turística da cidade de Ourense inclúe actuacións centradas, entre outras, na creación de nove xardíns que albergarán diferentes especies vexetais. Verdegaia, quere suliñar a importancia dos estudos de impacto ambiental á hora de introducir especies exóticas tanto animais como vexetais no territorio. Neste plano non consta a existencia de ningún estudio medio ambiental rigoroso sobre as actuacións que se pretenden levar adiante. É unha práctica reiterada do Concello de Ourense facer proxectos esaxerados e de dubidosa utilidade sen axustarse a normativas medioambientais vixentes e sen ningún tipo de estudo.

En Galiza, e segundo os datos facilitados pola Sección de Patrimonio Natural do Consello da Cultura Galega na publicación "A Natureza Ameazada 2004", 248 especies de fauna e flora están ameazadas de extinción. É unha realidade que estamos asistindo a unha verdadeira ouleada de desaparicións de especies e boa parte causada polo ser humano. Segundo algúns estudos, se non se pon remedio, no ano 2050 poderían ter desaparecido unha cuarta parte da flora e da fauna actuais. Unha das causas desta situación é a introdución de especies alóctonas ou exóticas, moitas das cales teñen un comportamento realmente invasor, cunha grande capacidade para desprazar ás especies nativas, unha das máis graves ameazas para a biodiversidade.

A introdución deste tipo de especies pode depredar ás especies autóctonas, modificar a composición do solo, ou ser moi competitiva na colonización por ter unha taxa de reprodución vexetativa moi elevada. Outra posibilidade é que a especie introducida compita polos polinizadores e/ou dispersores de sementes o que reduciría o potencial reprodutivo das especies nativas.

Verdegaia pide ao Concello de Ourense, que considere as consecuencias e impactos da implementación de proxectos deste tipo, nun territorio onde as especies autóctonas corren un grave perigo de desaparición, compre investir recursos na conservación e recuperación de ecosistemas que garanticen o mantemento da biodiversidade territorial é non supoñan unha ameaza, o propio Convenio sobre Biodiversidade Biolóxica recomenda aos países a atopar camiños e medios para preservar a variedade de especies.

Pedimos responsabilidade e que se cumpra a legalidade en calquera actuación nas marxes do Miño, espazo dunha importancia fundamental para a nosa cidade. Neste espazo xa existe un ecosistema o suficientemente rico e atractivo que só precisa protexe-lo e coida-lo. É irresponsable e estrambótico querer introducir, entre outras extravagancias, un xardín tropical con plantas carnívoras na beira do río.

Demandamos que non se faga campaña electoral e promoción dun concelleiro-candidato a costa do medio ambiente, pagada por todos os "ouren-sanos" e "ouren-sanas" e que poden producir uns danos irreparábeis nos nosos ríos e na nosa cidade.

Dende a asociación ecoloxista verdegaia, consideramos necesario a revalorización de recursos endóxenos, como principio para o desenvolvemento do Turismo con criterios de sustentabilidade, o que redundaría nun beneficio, económico, ecolóxico e social a longo prazo para a cidade.