O itinerario previsto será o seguinte: praia de Patos, costa leste de Moteferro, fonte da serra, Punta Meda, costa oeste de Monteferro, praia de Area fofa, praia da Madorra, Panxón, praia Lourido, Monte Lourido e marismas da Ramallosa. 

Sairemos en bus de liña da estación de autobuses de Vigo ás 9:45 h. e chegaremos á praia de Patos arredor das 10:45 h., para comezar a camiñar por esta paraxe natural ate o Monte Lourido. A volta está prevista á estación de autobuses de Vigo a media tarde. 

Entre os valores naturais que observaremos están o LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) das Illas Estelas e costa da península de Monteferro e o LIC das marismas da Ramallosa. O LIC das Illas Estelas conta cos seguintes hábitats incluídos na Directiva 92/43/CEE: esteiros e uceiras secas atlánticas costeiras de Erica vagans; pola súa parte, o LIC das marismas da Ramallosa alberga os seguintes hábitats incluídos na citada directiva comunitaria: pasteiros de Spartina (Spartinion maritimi), pasteiros salinos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae) e mato halófilo mediterráneo e termoatlántico (Sarcocornetea fruticosi).

Ademais, o LIC das Illas Estelas conta con interesantes colonias costeiras de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) e de andurón (Apus melba) a parte de albergar interesantes endemismos de flora de cantil como a margarida de cantil (Leucanthemum merinoi), a Silene uniflora, ou a Angelica pachycarpa; por outra banda, as marismas da Ramallosa -protexidas do mar aberto pola barra de area da praia de Ladeira- albergan unha rica fauna con especies tan interesantes como a lontra (Lutra lutra), a comunidade de aves acuáticas entre as que salientan as garzas cincentas (Ardea cinerea), as garzotas (Egretta garzetta), os mazaricos (Numenius sp. e Limosa sp.), os biluricos bailóns e pativerdes (Actitis hypoleucos e Tringa nebularia), o picapeixe (Alcedo atthis) e un bo número de especies de moluscos bivalvos que fan deste lugar unha importante zona marisqueira.

Outros valores naturais que observaremos durante a mañá serán a fauna e flora da zona intermareal como a pulga de area (Talitrus saltator), os mexilóns (Mytilus galloprovincialis), a eiruga mariña (Cakile maritima), o feno das praia (Ammophila arenaria),… entre outras. Se temos sorte tamén poderemos ollar os arroaces (Tursiops truncatus).

Entre os valores históricos que coñeceremos están os muíños naviformes de man do calcolítico –datados aproximadamente no 2.500 a.C.- da costa de Monteferro e a ponte medieval da Ramallosa sobre o río Miñor.

O percorrido é de dificuldade baixa e realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se irán observando ao longo da xornada.

O roteiro durará o día enteiro polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.

Esta actividade organízase en transporte público colectivo e para chegar á estación de autobuses pódese coller a liña C4C do autobús urbano, para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo do cambio climático.

Para máis información: Diego Rodríguez Vieites, vicesecretario xeral e responsábel da Área de biodiversidade de Verdegaia (670 784 919).