Verdegaia vén de presentar alegacións contra o proxecto sectorial relativo á modificación do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, Ponte Olveira II e Fervenza II no río Xallas, nos concellos de Mazaricos e Dumbría (A Coruña), titularidade de Ferroatlántica, S.L.


O río Xallas é o río que sofre maior explotación hidroelétrica de toda a Confederación Galicia-Costa, con catro centrais que suman 139 Mw e dous encoros, o de Santa Uxía e o de Fervenza, de considerábeis dimensións.

Entre os estragos sufridos polo río debido á sobreexplotación hidroeléctrica (salientando a eliminación da fervenza do Xallas por mor da construción do encoro de Santa Uxía), o treito entre a central de Ponte Olveira e a de Castrelo padeceu gravemente a falla dun regulamento de caudal axeitado, incumprindo reiteradamente a legalidade. Dende hai uns anos, por motivos de xestión de niveis de encoros, efectúase un transvase de 32 m3/s entre o encoro de Fervenza e o de Santa Uxía, que permitiu a recuperación duns dous quilómetros de río, treito de gran valor ecolóxico ao contar coa presenza do segundo bosque atlántico máis grande da provincia da Coruña e tamén a máis occidental de Europa, a Devesa de Anllares, nas inmediacións do Pindo.

O proxecto de construción da Central de Novo Castrelo recolle a construción dunha toma de caudal 2 km río arriba da súa ubicación, cunha canle de derivación soterrada de 1.550 m que desaugaría mesmo no borde superior da curva de remanso do encoro de Santa Uxía, eliminando o caudal que actualmente permite manter cunha mínima calidade este tramo do río Xallas. A propia empresa, no proxecto, afirma ao respecto das bondades da construción da nova central: “con ello el caudal de aproximadamente 32 m3/s que hoy recorre el río de forma improductiva, recorrería en serie las nuevas turbinas” (sic).

Esta auga “improductiva” alimentaría unha potencia de só 6,3 Mw, sendo, xa que logo, absolutamente inxustificábel acometer unha desfeita ambiental desta envergadura para uns resultados tan cativos. O balanzo ambiental da actuación é claramente negativo e afástase do que debera ser a aplicación dunha nova cultura da auga e a integración da sustentabilidade na xestión das bacías dos ríos.

O desprezo polas funcións ambientais e sociais dos ríos do noso país que emana de afirmacións como as do parágrafo anterior foi característica común do tratamento dado aos ríos polas empresas eléctricas e as anteriores Administracións. Mais semellaba unha etapa superada tras a aprobación da Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos e a paralización dalgunhas minicentrais no río Ulla e Deza. Na publicación no DOG do sometemento a información pública desta nova agresión sobre o río Xallas sorprende que Augas de Galicia poida sequera contemplar a posibilidade de tramitación do aproveitamento hidroeléctrico integral do río Xallas e moito menos aprobalo. Non existe ningunha razón de beneficio social, nin os posíbeis aforros en emisións contaminantes ou importación de petroleo, xustifican a destrución definitiva deste río, no caso de se aprobar esta modificación. 

Verdegaia esixe a retirada do proxecto de modificación do aproveitamento do río Xallas e a recuperación integral do río Xallas, incluída a Fervenza de Ézaro.

Na imaxe indícase o treito afectado pola modificación do plano sectorial 

encoro_xallas