Verdegaia súmase ás voces que piden parar o acordo de pesca entre a UE e  Marrocos.

Sáhara Libre! por Insurgencia Gráfica en FlickrA comezos deste mes, os embaixadores dos 28 estados membros da UE déronlle o visto e prace a un novo acordo de pesca con Marrocos, a pesar de que no ano 2011 o Parlamento Europeo anulara a prórroga do anterior acordo pesqueiro aducindo que o pacto pesqueiro incluía as augas do Sáhara Occidental sen que a poboación saharaui obtivera beneficios por iso, o que puña en entredito a súa legalidade.  Pouco tempo máis tarde o Estado español e francés presionaron na eurocámara para a sinatura dun novo acordo, co voto en contra de Suecia e Dinamarca.

O acordo é sancionado en primeira instancia polo Consello de ministros e despois pasa pola Comisión de pesca e o plenario do Parlamento europeo onde chegará o 9 de decembro, que podería volver anulalo como xa fixo en 2011. Parece difícil que isto aconteza xa que o Estado español está facendo moita presión para que se aprobe.

Falamos dun acordo que no seu momento foi considerado contrario ao Dereito Internacional porque non respectaba a doutrina das Nacións Unidas sobre explotación de recursos naturais dun territorio non autónomo, como é o Sáhara. Nun ditame elaborado pola ONU naquela altura, precisouse que para que a explotación dos recursos dunha colonia sexa legal teñen que concurrir dous requisitos:
1. Que o pobo autóctono (o saharaui) dea o seu  consentemento,- cousa que non aconteceu xa que nin sequera foi consultado- 

2. Que a poboación en cuestión sexa beneficiaria da explotación deses recursos.

Outra vez o estado español fai facer gala do seu talante anti-democrático e de falta de respecto aos dereitos humanos, actitude á  que nos ten acostumados ultimamente –como di o dito: “De casta le viene al galgo”-. A comitiva española, con Carmen Fraga á cabeza, presentou un informe onde aseguraba que o novo texto inclúe unha cláusula específica de dereitos humanos cando non é certo, xa que soamente fai unha referencia moi xenérica a este tema e non recolle a posibilidade de que sexa anulado por violacións destes dereitos como si se recollen (aínda que pouco se cumpran) noutros acordos pesqueiros. Recolle tamén que o acordo é máis vantaxoso pero non especifica que só para Marrocos (que aumenta a compensación que lle pagará Bruxelas a Rabat) e para nada é vantaxoso para o pobo saharaui. Por último, recolle tamén que a legalidade internacional debe discutirse noutros foros, como Nacións Unidas e non aí.

Verdegaia quere sumarse ás voces críticas contra este acordo que conculca os dereitos do pobo saharaui e supón un abuso e un expolio, ademais dos danos medioambientais e económicos que supón. Compartimos o pensamento de que a celebración deste acordo implicaría financiar a ocupación bélica ilegal  de Marrocos e polo tanto a UE sería responsable de realizar un acto contrario ao dereito internacional (cousa  que en realidade non nos sorprendería).

Desde CEAS (Coordinadora Estatal de Asociación Solidarias co Sahara)  insisten na necesidade de parar este tratado xa que Marrocos “non é o administrador do territorio senón unha potencia ocupante no marco dun conflicto bélico e o dereito internacional prohibe celebrar este tipo de acordos”.

No seguinte enlace ofrécese a posibilidade de que mostremos o noso rexeitamento a este acordo

http://asoc.umdraiga.com/no-al-acuerdo-pesquero-manda-tu-email-a-los-eurodiputados-espanoles/