O vertedoiro proxectado para Lousame non se adapta á normativa de xestión de residuos, contén numerosas imprecisións e erros, e supón un risco grave para a saúde da poboación próxima e un grave perigo de contaminación do ambiente incluíndo os acuíferos dos que se abastece a Vila de Noia e a propia Ría de Muros-Noia en xeral.
A normativa europea de residuos e a súa transposición ás normas españolas e galegas, establece a seguinte xerarquía dos residuos aplicábel encanto orden de prioridades na lexislación e na política de prevención e xestión de residuos: 1.- Prevención; 2.- Preparación para a reutilización, 3.-Reciclaxe; 4.- Outros tipos de valorización (por exemplo a valorización enerxética; e 5.- Eliminación. O Centro de Xestión Ambiental de Lousame non cumpre con esta normativa básica e en realidade é fundamentalmente un vertedoiro de residuos e non un centro de valorización de residuos. A Consellería de Medio Ambiente non debería nin sequera tomar en conta este tipo de proxectos.
Aínda supoñendo que fose legal a construción dun vertedoiro deste tipo –que non o é–, o proxecto tería que considerar a composición do chan e a rocha sobre as que se asenta. As rochas deben ser tan estancas como sexa posible para evitar calquera fuga de lixiviados ás augas subterráneas. Tamén cómpre que se estuden moi ben os fluxos de auga dende e cara ao vertedoiro, para evitar vertidos de augas cara a outros lugares, e en todo caso, debería estar afastado das correntes de auga.
Este proxecto de Lousame falsifica a información referente aos regatos e nacentes no entorno, afastándoos do vertedoiro. Tamén falsea o estudo xeolóxico, e deixa para máis adiante o estudo da permeabilidade das rochas sobre as que se asenta. Ademais, non define o destino final dos lixiviados. Segundo o proxecto, durante o comezo da explotación os lixiviados serán recollidos e trasladados a un xestor autorizado, e despois xa se decidirá se se sigue así ou se deseña unha depuradora propia. Das características, custos, mantemento ou duración da depuradora non se di nada, como non se di nada de moitas outras cousas. O problema de todo isto é que a bacía na que poderían acabar estes lixiviados vai dar en primeiro lugar a un río do que se abastece a vila de Noia, e despois a Ría de Muros-Noia, fonte de riqueza económica para toda a bisbarra.
Os valores ambientais do terreo correspóndense cunha realidade moito máis rica que a que se expón non proxecto, e que parece que se tratou de ocultar mediante o desbroce da finca. Non hai un estudo arqueolóxico nin de impacto sobre o patrimonio. Os núcleos de poboación no proxecto aparecen máis afastados do vertedoiro que na realidade…
Por non saber, non sabemos (tal é o grao de indefinición do proxecto) nin de onde virán os residuos que pretenden verter en Lousame. Este dato, cremos que é fundamental para avaliar o impacto ambiental dos mesmos. Non se informa tampouco acerca de en que plantas vai producirse a valorización enerxética dos residuos, e podería darse o caso que o consumo enerxético do seu transporte fose superior á suposta valorización. Descoñecemos, así mesmo, que tipo de residuos van tratarse, nin como pensan facer para evitar que os residuos perigosos que cheguen entre os non perigosos sexan apartados. Por exemplo, que control van establecer para que podamos comprobar que os residuos de madeira (recortes, taboleiros de partículas e chapas) vertidos non conteñen sustancias perigosas?
Toda esta información, que cremos que se nos oculta intencionadamente, considerámola fundamental para facer un bo estudo ambiental do proxecto no que puidésemos avaliar os distintos tipos de impactos sinérxicos.
Por iso confiamos en que este proxecto sexa rexeitado pola Administración. De non ser así, desde Verdegaia poñerémonos ao dispor da Plataforma contra o Vertedoiro de Residuos para apoiala en todo o que estea nas nosas mans.
—
Descarga aquí: as alegación apresentadas por Verdegaia contra o vertedoiro de Lousame
—
Atribución foto: “King of the Trash Hill” by Alan Levine en Flickr