Praias de Galicia - A Coruña - por Pilar Ponte en FlickrDesde a Asociación Ecoloxista Verdegaia mostramos o noso máis rotundo desacordo coa aprobación da reforma da lei de costas. A denominada “lei de protección e uso sostible do litoral…” o único que busca é a demolición dos obxectivos e principios xurídicos da lei de costas de 1988. Entende a costa como un recurso económico a explotar coa perspectiva de favorecer intereses particulares concretos privatizadores do litoral, convertendo a costa nun todo urbanizable. Racha co principio de que o litoral é un ben de todos cuxa titularidade pública recollía a anterior lei e tamén a Constitución Española que di que “son bens do dominio público os que determine a lei e, en todo caso, a zona marítimo terrestre, as praias, o mar territorial,..” Esta reforma da lei de costas choca de fronte contra as directivas europeas que entenden a costa como un valor natural en si mesmo, nesta reforma non se recolle nin se presentan temas como a recuperación, restauración ou protección.

O goberno actual, que enche a boca falando da Constitución salvo cando se trata de encher os petos, non racha as vestiduras para sortear esta protección e corta polo san modificando a definición do Dominio público marítimo terrestre.

Os novos criterios polos que se define o dominio público marítimo terrestre están orientados á privatización dunha boa parte destes espazos. Haberá zonas que se desafectan para posteriormente vendelos a particulares.

En canto aos deslindes di que hai que revisalos cando os maiores temporais coñecidos, non tiveran acadado o límite establecido no deslinde en cinco ocasións durante os últimos dez anos a entrada en vigor desta lei, ou ben nos dez anos inmediatamente anteriores á data do deslinde. Isto é totalmente absurdo xa que se en dez anos o mar non chega cinco veces ao deslinde se supón que non chega aí e hai que mudalo cara á ribeira do mar. Reducen o terreo do dominio público marítimo terrestre ata onde lles veña ben e por riba socialízanse os gastos xa que as responsabilidades por enchentes temos que pagalas todos.

Esta nova lei tamén limita a inclusión das dunas no dominio público, di que “ata o límite que resulte necesario para garantir a estabilidade da praia e a defensa da costa”, e entenden que tanto as dunas mortas como as dunas artificiais, ao ser de carácter fixo, non contribúen a garantir a estabilidade da praia e a defensa da costa polo que que quedarían fora do demanio natural e incluiría soamente as dunas de primeira marxe máis próximas ao mar e sempre que se demostre unha relación directa coa estabilidade das praias. O das dunas mortas é un insulto a intelixencia e detrás está abrir a porta á permitir a urbanización de moitos sistemas dunares como Corrubedo, Limens, Barra, A Lanzada, etc.

Deixa tamén fora do dominio público aqueles terreos para acuicultura que sexan inundados artificialmente aínda que teñan capacidade para ser inundables naturalmente, é dicir , aqueles terreos baixos que se inundan de xeito natural pero nos que se construíron obras artificiais para reter e distribuír a auga. Isto supón vía libre a instalacións acuícolas en primeira liña de costa e en zonas de protección (totalmente previsible xa que anteriormente se recollía esta posibilidade no Plan de Ordenación do Litoral e tamén no Plan Director da Rede Natura Galega).

Coa disposición transitoria primeira, contémplase a redución de 100 metros a 20 metros a zona de Servidume de protección para o 75% da costa do Estado e afecta especialmente as nosas rías, o que abre a posibilidade de que os Concellos soliciten desenvolvementos urbanísticos nos últimos 80 metros da zona de Protección polo que poderá edificarse de acordo cos plans urbanísticos municipais e sen ningún control da lexislación de costas. Permite que, no prazo de dous anos desde a entrada en vigor da nova lei, poidan legalizar a aqueles núcleos ou áreas construídas ilegalmente que aínda que non estean dentro da clasificación de solo urbano, reunisen algún dos requisitos como abastecemento de auga, acceso rodado, evacuación de augas residuais, etc. ou que estiveran comprendidos en áreas con edificación en polo menos 1/3 da súa superficie (criterio moi permisivo fronte aos 2/3 ou 1/2 que se viñan esixindo para que o solo puidese considerarse urbano).

Estase abrindo a man a unha modificación encuberta da clasificación do solo e saca da manga un sistema de silencio positivo para quen queira regularizar as ilegalidades cometidas na costa; simplemente solicitan os informes a Medio Ambiente e se no prazo marcado a administración non contesta, enténdese que a resolución é favorable. Moitas edificacións que estaban nun limbo legal pasan a estar dentro da norma. Fálase de regularizar a situación de aquelas edificacións anteriores ao 1988 que ata o de agora tiñan que estar sometidas a controis estritos para calquera cambio ou ampliación na súa estrutura ou que tiñan unha concesión por un tempo determinado e que agora poderán facer as obras que queiran. Os Concellos terán a potestade para conceder licencias e amnistiar a núcleos cuxas vivendas invaden o dominio público marítimo-terrestre (DMPT). O Ministerio de Medio Ambiente ten a pouca vergoña de dicir que o que se pretende é resolver a situación dos núcleos preexistentes á lei do 1988 que estaban edificadas en zonas que non tiñan clasificación de solo urbano cando a realidade e a consecuencia de todo isto é que non haberá prohibición para edificar nesa franxa do litoral e supón a perpetuación dos usos privados e da urbanización dentro do dominio público. Legalizan a ilegalidade, absolvendo de responsabilidade ás neglixentes actuacións das distintas administracións públicas que fixeron caso omiso ante tanta desfeita coincidindo co boom urbanístico e especulativo das últimas décadas.

Na actualidade a loita contra a erosión supón o 60% do presuposto da Dirección Xeral de Costas (230 millóns no 2011). Que permitan encher a costa de edificacións a tan so 20 metros da praia, levará consigo un aumento considerable do presuposto para restauración e obras de emerxencias xa que estes lugares son susceptibles de inundacións frecuentes e danos provocados polos temporais e vagas de mar, á erosión actual que anda entorno ao 90% temos que lle sumar o previsible aumento do nivel do mar debido á mudanza climática. É dicir, o Estado está abrindo a porta a edificación de moitos tramos de costa para usos privados, un bo negocio, rápido e reducido a uns poucos, que pon en mans dos Concellos co contubernio das CCAA e do resto das administracións, pero os custes de toda esa desfeita unha vez máis quen os paga é o pobo cos seus impostos.

Esta lei prevé desafectar os terreos que quedan no interior dos paseos marítimos e a desafectación de calquera paseo marítimo construído sobre o DPMT en réxime de concesión. Na disposición adicional terceira recolle que a liña exterior dos paseos marítimos construídos pola administración se entenderá a todos os efectos como liña interior da ribeira do mar, isto supón unha importante ameaza para aqueles núcleos urbanos e periurbanos que teñen construídos paseos marítimos sobre cordóns dunares ou partes altas da propia praia.

Esta norma nace coa única idea de consolidar e legalizar os desmandos que ata o de agora se viñan producindo na costa. Salva a varios núcleos de vivendas que invaden o dominio público, entre eles Moaña.

Abre a porta de estender esta desfeita urbanística o todo o litoral sementando máis caos e desprotección e abrindo a veda a especulación. As autorizacións para os negocios que se instalen nas praias pasarán de 1 a catro anos. As concesións se amplían de 30 ata os 75 anos co argumento de que pretenden dar maior seguridade xurídica aos compradores, pero a verdade e que moitas das vivendas e edificacións levantadas dentro do dominio público xa non terán que ser demolidas no 2018 cando remataba a concesión. O pago a estas ilegalidades é permitirlle ampliar a concesión a 75 anos e esconde detrás unha privatización deses terreos xa que quen vai lembrar dentro de 75 anos a quen pertencen eses terreos. Estas concesións poderán cederse intervivos e se lles renovarán sen concurso público. A UE di que non debe haber concesións de máis de 30 anos pero o PP pensa que canto máis tempo mellor e, que se chegado o momento o pobo non lembra de que eses terreos eran de utilidade pública e se poden converter a costa nunha finca privada ao servizo de colegas de quenda que lle paguen as súas campañas ou lles ofrezan un retiro dourado nalgún paraíso fiscal, entón conseguirán os seus propósitos que segundo eles non son outros que “garantir a protección e conservación da costa e clarificar o alcance do dominio público marítimo terrestre”, e como non podía ser doutro xeito este proxecto conta co aplauso da CEOE.

Con estes prazos tan longos, nos que a memoria administrativa se perde á vez que se consolidan a degradación e privatización do litoral, o que se trata é de eliminar a titularidade do Estado e o carácter público do dominio público.