confontinhasnoredondo.jpgEste domingo Verdegaia-Compostela colaborou no guiado do roteiro polas Brañas de Laíño co clube das Fontiñas. Xuntámonos unhas 50 persoas e a cousa dou moito de si, ampliouse a visita á eira dos horreos de Imo e á aldea de Castro co que chegamos aos 22 km. A Braña sempre nos sorprende e nos acolle, esta vez foi un xuvenil de garza real (Ardea cinerea) que amosou moito interese nas actividades de Verdegaia e foinos pispando sempre uns metros por diante nun bo treito da camiñada á altura das Avesadas.

As fontes de augas sulfurosas de Bexo, na Anguieira, foron de novo o punto de encontro despois da "singradura" en comboio pola ribeira do Ulla até as torres de Catoira. Desta volta as rezadeiras de auga (Nepa cinerea) xa tiña as ás crecidas, e a veciñanza xa se encargara de limparen a bouza para termos mellor acceso. Foi cativador escoitarmos os testemuños relatados no antigo libro de Bezoya: o marqués, o seu cabalo e o criado que curan de sarnas e reumas e o tullido que sae andando caseque elevan a fonte á categoría de milagreira (ou de Lourdes, que con rexouba nos decía o noso sabido guía Manolo Lorenzo Balerón). Aínda que para milagre a recuperación hai uns anos do dicionario manuscrito de Luís Aguirre del Río xusto nunha casa próxima, considerado agora como o primeiro dicionário de galego da época moderna, e que ven de se publicar hai uns meses polo Instituto Padre Sarmiento.

Tamén ollamos a tartaraña das xunqueiras (Circus aeroginosus), dando volta arredor de nós no entanto Manolo nos daba unhas estupendas explicacións sobre os diferentes hábitats da Braña coa perspectiva que nos dá o lugar da Brañiña no Redondo do río. Seique o home se viu estimulado por esta xeira de actividades arredor das brañas e acordou nel a súa afeizón investigadora e ten unha licenza do seu centro de ensino para levar adiante un estudo do patrimonio da bisbarra no que está xa a traballar. Notóuselle, por que se a vez anterior estivera interesante, desta volta foino aínda máis, e apreciábaselle totalmente mergullado na investigación micorotoponímica, historia, lendas, usos antigos, facendas destacadas, arquitectura, etc. Ás disertacións á beira do río asistiu moi relaxado un corvo mariño cristado (Phalacrocoraz aristotelis) a menos de 50 m, pousado nun pilote do antigo embarcadoiro e partillando connosco a intimidade do seu secado de ás ao sol. O episodio de cores e balborodo puxérono os lavancos (Anas platyrhynchos) e as cercetas (Anas crecca) cara o final do roteiro cando estabamos na Veiga de Cruz a ollar o lugar onde van cavar a praia artificial da actuación de Costas. E aínda non temos novas da nosa alegación…

Atravesando o canaval do Agro de Teaio, o epicentro da braña, deixouse notar que era setembro e a braña fíxosenos máis braña que nunca, a humidade non a notabamos na terra, estabámola a comer, ou mellor dito comíanos ela a nós coa calor. Que bafo ás tres da tarde! Por sorte o xantar foi nesa ínsua máxica de Dodro que chaman o Pinal (e que afortunadamente xa voltou ser carballeira- aínda que fican en pé algúns eucaliptos que dan a nota). É unha ínsua de frescura e sombra no mar das canivelas e as xuncas. Que soneca se botou alguén!  Manolo dounos a boa nova de que viran hai un mes o picanzo vermello (Lanius collurio) que Sabarís, o noso ornitólogo de referencia, botara en falta ultimamente pola braña.

Non fomos quen de dar cos arrecendos do frundio (Myrica gale) nin coas nosas orquídeas autóctonas,  as cristas de galo (Serapias  lingua), e iso que foi unha proposta feita en colectivo no acougo que nos permitimos á tarde na área recreativa d’O Bosque, onde por certo había unhas francesiñas (Amanita citrina) moi fachendosas ao abeiro dos carballos. Quen quixo atravesou a lendaria ponte Sanlufo, non viu o Pazo de Bendaña (que foi arrebatado polos fascistas para o "enxertaren" nas Torres de Meirás ao servizo do ditador Franco), mais si puido enxergar as brañas desde o miradoiro da Paxareira. No camiño de volta cara a Lestrobe quixemos explorar algún paso novo, mais a braña niso é contundente e desconcertante: falta perspectiva ao atravesar as espesuras e os esteiros agardan agochados para coutar as avenuras improvisadas. Houbo que dar volta.

Os caderniños de Verdegaia sobre as Brañas de Laíño, xa revisados e ampliados, tiveron moito éxito, e temos gardados uns poucos para levardes socias e socios na vindeira reunión. Como a vez anterior fíxose cargo dos custes de impresión (desta edición de luxo a 2,80€ exemplar! ) a Concellaría de Desenvolvemento Local de Dodro. Acompañounos como anfitrioa a concelleira de asuntos sociais nesta xornada que rematou botando un grolo na Matanza, nos arredores da estación do tren de Padrón que por certo ten os días contados coa política de exterminio de calquera cousa que se lle pareza a un tren de proximidade que tan acaído nos viña para visitarmos a banda de Laíño e mais a banda de Lestrobe.