Verdegaia felicita á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel por ter en conta a súa proposta de ampliación do Parque Natural do Monte Aloia para pasar a abranguer dentro dos seus límites toda a Serra do Galiñeiro, como anunciou o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel o pasado sábado nese mesmo Parque Natural.
Verdegaia apresentou a súa proposta de ampliación deste espazo natural protexido o pasado 21-1-08 como alegación en relación á resolución do 21 de novembro de 2007, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se someteu a información pública e audiencia o Plano reitor de uso e xestión (P.R.U.X.) deste parque natural publicada no D.O.G. nº 246 de 21-12-2007.
A alegación de Verdegaia ao P.R.U.X. deste Parque Natural baseáronse na grande cantidade de valores naturais, xeolóxicos e arquoléxico-etnográficos que alberga esta serra do sur galego que actualmente non conta con ningunha figura de protección.
Entre os valores naturais que alberga a Serra do Galiñeiro salientan a presenza nas partes máis elevadas de especies vexetais orófilas e de comunidades rupícolas con abundantes endemismos, a existencia de zonas de breixeiras húmidas sobre depósitos de turba, de brañas e turbeiras con presenza de especies de interese, e de diferentes tipos de matogueiras (oromediterránea,…). Ademais, destaca a presenza de diversas poboacións de aves de grande interese como o merlo azul, a azulenta papuda, o pedreiro cincento, e a existencia de poboacións de anfibios ameazados e endémicos como a saramaganta ou a ra patilonga.
Esta serra, ademais, alberga unha grande riqueza xeolóxica cunha ampla gama de minerais e formacións xeolóxicas de interese (cavidades graníticas,…), e unha chea de valores arqueolóxico-etnográficos como o panel de armas de "Auga da Laxe" de características únicas no continente europeo ou os campos de mámoas presentes na zona.
Actualmente, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel xa está realizando as xestións necesarias para facer efectiva a ampliación solicitada pola nosa asociación mais dende Verdegaia demandamos que esta ampliación sexa de verdade levada adiante, cuns planos definidos e que vaia acompañada dos recursos suficientes para asegurar unha boa xestión xa que o orzamento destinado pola Xunta de Galicia para a xestión dos parques naturais resulta na actualidade claramente insuficiente.
Ademais, agardamos que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel faga o mesmo caso de todas as alegacións apresentadas por Verdegaia.
Alegacións para a ampliación do P.N Monte Aloia