O día 14 de setembro Verdegaia Ourense realizou un roteiro por un treito das beiras do río Miño ao seu paso por Ourense, máis concretamente desde a praia da Antena até a primeira papeleira despois da fonte de Reza (paseo das Ninfas). A finalidade da actividade era denunciar o mal estado desde moitos puntos de vista dunha das zonas que desde hai xa algún tempo se vende como un dos potenciais do turismo da cidade. 

Á parte de dar conta doutros problemas, basicamente recolleuse unha bolsa de lixo grande (as dos contedores dos bares) en pouco máis de quilómetro e medio. Relacionado con este aspecto, un dos problemas fundamentais é que á parte de seis papeleiras (máis ou menos) que hai nos primeiros 50 metros do treito e dous contedores (un de orgánico e un amarelo), temos que agardar un quilómetro e medio aproximadamente para atopar outra papeleira (pequena). Isto non nos exime, por suposto, da responsabilidade persoal á hora nos desfacer do lixo nin supón renunciar a pór os medios para que isto non ocorra (levar unha bolsa de plástico nós para levar o noso lixo, denunciar a situación…).

A partir desta actividade (que esperemos se amplíe e teña máis participantes para abranxer todo o camiño), fixemos unha presentación cunha selección de imaxes e explicacións para que todo o mundo se poida facer unha idea do que pode atopar nunha das zonas máis visitadas e percorridas da cidade, da que un bo tramo estaba recentemente rozado (é dicir, máis limpo do habitual).

Outro tipo de problemas que se pode atopar son: falta de limpeza de silveiras e outra maleza que non dá lugar máis que a vertedoiros incontrolados; falta de seguridade (tramos de valado roto por onde pode caer calquera); tomas de auga que non se sabe para que serven; canos que non se sabe que e de onde verten…

Como se pode comprobar, o tan vendido Ourense termal e as tan supostamente remozadas beiras do Miño claman por unha actuación urxente e unha denuncia de todos/as nós.

Invitamos a todas aquelas perosoas que visiten habitualmente o lugar (para bañarse, para pasear, para ler, para durmir…) que denuncien a lamentable situación que nós atopamos.

Cantos/as máis sexamos, máis fortes seremos! Verdegaia deu o primeiro paso, agora só tes que subir ó tren (non o de Ourense transportes)!