Gran Vía, Ronda de Don Bosco, Castro, Gregorio Espino… atopamos exemplos en todos os barrios da cidade pero a desfeita desta semana en Martínez Garrido exemplifica claramente como o concello trata as árbores: como se foran mobiliario urbano

Esta semana descubrimos na rúa Martínez Garrido que o concello ademais de seguir liquidando as árbores máis antigas da cidade tampouco ten reparos coas árbores plantadas nas recentes ‘humanizacións’.

Na contorna da Escola de idiomas eliminou os últimos Plataneiros que ficaban, árbores con preto de 50 anos de vida, mentres que máis abaixo xa preto da estación de buses arrincou algunhas das árbores que tiña plantado durante a ‘humanización’ dese treito da rúa. Segundo o concello era algo necesario durante as obras de saneamento para… asegurar o tráfico.

Xa van dez anos dende que se ‘humanizou’ o treito de M. Garrido máis próximo á estación de buses. Daquela o concello afirmou que as decenas de árbores retiradas serían transplantadas a unha zona verde. Os biólogos avisaron que a taxa de éxito na replantación de Plataneiros con corenta anos é practicamente nula e así foi. En poucos meses puidemos observar como as árbores, que foron transplantadas na zona verde do Polígono de Valadares, morrían todas.

En 2022 volve a repetirse a historia, o concello afirma que os Plataneiros arrancados nas últimas semanas serán transplantados en varios sitios da cidade. A localización exacta non foi anunciada polo que Verdegaia acaba de presentar polo rexistro unha petición formal para que o concello, en prol da transparencia, informe do paradeiro das árbores para que poidamos facer un seguimento do seu estado.

O goberno municipal ten a potestade política e a lexitimidade do votos popular para actuar deste modo pero iso non significa que actúe correctamente. Considerar as árbores como un mero elemento de mobiliario urbano que se quita e pon demostra, ademais de insensibilidade ambiental, unha extrema pobreza moral.