Este último fin de semana de agosto (30 e 31 de agosto) a campaña “En Acción perante a Mudanza Climática. Non queremos naufragar!”, que leva a cabo Ecologistas en Acción por todo o litoral español, chega a Vigo da man de Verdegaia.
A Campaña pretende informar sobre os impactos da Mudanza Climática (ou cambio climático) na costa, tanto os impactos xa observados como os impactos previstos, e sobre as medidas de prevención que urxe adoptar. Consistirá nunha serie de actividades de sensibilización durante os días 30 e 31 na praia de Samil (Vigo), onde se instalará unha carpa, unha exposición sobre a Mudanza Climática na Costa, repartirase información para todolos niveis, e haberá actividades lúdicas para nen@s e maiores. Proxectarase ademáis un documental elaborado expresamente para a ocasión, seguido dunha mesa redonda.
O sábado día 30 de Agosto ás 11h ofrecerase unha rolda de prensa no Museo do Mar de Galicia (Avda. Atlántida, 160 Alcabre – Vigo) para explicar o desenvolvemento da Campaña, falar das consecuencias da Mudanza Climática e facer un chamamento de acción para frear o máis grave problema ambiental e social da actualidade.
O mesmo día 30 de Agosto pola tarde, ás 20h, levarase a cabo a proxección do documental “CO2stas: Impactos da Mudanza Climática nas zonas costeiras” no Museo do Mar de Galicia, seguido dunha mesa redonda con expertos das ciencias do mar.
A mudanza climática é un fenómeno do que moita xente escoitou falar pero poucas persoas poderían explicar en qué consiste, cómo lles inflúe ou cómo poder evitalo. A comunidade científica cualifícao como o problema máis grave e amplo ao que se enfronta a Humanidade, polo que se fai necesario un coñecemento do mesmo e pór en marcha as medidas necesarias para frealo.
As zonas máis vulnerables á Mudanza Climática son as zonas costeiras, pola gran incidencia dos impactos (aumento da temperatura e suba do nivel do mar, perda dos ecosistemas mariños, aumento da enerxía das ondas, etc.) e pola cantidade de persoas que viven no litoral. Nos 3.900 quilómetros do maltratado litoral do Estado Español – un lugar especialmente sensible pola súa localización- vive case a metade da poboación, existen ecosistemas esenciais para a vida, e actividades económicas tan importantes como a pesca ou o turismo.
Por estes motivos Ecologistas en Acción, en colaboración con Verdegaia, levará a cabo en Vigo dita campaña de sensibilización, co seguinte programa:
Sábado 30 de Agosto:
– 11h Rolda de Prensa (Museo do Mar)
– 12-14h Actividades na praia (Samil, Vigo)
– 17-20 Actividades na praia (Samil, Vigo)
– 20 h Documental e mesa redonda posterior (Museo do Mar – Avda. Atlántida, 160 Alcabre – Vigo)
Domingo 31 de Agosto:
– 11-14h Actividades na praia (Samil, Vigo)
– 17-20h Actividades na praia (Samil, Vigo)
Dende Verdegaia, animámoste a asistir tantos as mesas formativas da praia como ao documental sobre Mudanza Climática o sábado 30 de agosto no Museo do Mar.
Máis información: 619 217 204
http://www.ecologistasenaccion.org/spip.php?rubrique198