Verdegaia e VAL-Amigos do Medio Ambiente veñen de apresentar perto de medio milleiro de sinaturas na Confederación Hidrográfica Miño-Sil esixindo a protección do LIC as Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro mediante o estrito cumprimento da lexislación vixente, a inmediata posta en funcionamento da EDAR de Guillarei (Tui), a recuperación da superficie incluída na Rede Natura ate un mínimo de 872 hectares, a licitación do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente e o equipamento e apertura do Centro de Interpretación da Natureza de Orbenlle.
 

Ademais, informouse de dita entrega ás seguintes administracións: Dirección Xeral de Conservación da natureza da Consellaría do Medio Rural, Dirección Xeral de Urbanismo da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e concellalías de urbanismo dos Concellos de Tui, Mos, Salceda de Caselas e O Porriño.  

Cómpre lembrar que a construcción da EDAR de Guillarei xa finalizou en 2006 e que a súa posta en funcionamento é hoxendía unha asignatura pendente co conseguinte impacto ambiental que esto xera no LIC  das Ribeiras do Louro e na cidadanía en xeral, a parte do deterioro que esta inactividade supón para a propia EDAR. 

Ó mesmo tempo solicitouse a todas estas administracións que realizasen todas as xestións posibles para acadar os obxectivos anteriormente citados.