569px-Galicia municipalitiesO Plan Básico Autonómico é un instrumento que debidamente configurado podería ter unha influencia fundamental na futura evolución de Galiza. Con este Plan poderían trazarse as liñas básicas de actuación para a adecuada utilización do solo, da enerxía e dos materias, de tal xeito que se minimicen os efectos do cambio climático, se preserven en bo estado ambiental e se proceda a unha adecuada xestión dos residuos. Asemade, este Plan podería ser o alicerce para a custodia, coidado e conservación da paisaxe, do patrimonio natural e cultural e da calidade do aire e da auga. Finalmente, podería servir para reducir as necesidades de mobilidade das galegas e galegos, e para a mellora do transporte.

Porén, podería tamén supor un novo paso cara á desregulación e consecuente abandono do medio natural e patrimonio cultural; e moito tememos que a Xunta de Galicia podería estar dando pasos cara a esa desprotección dos recursos naturais e patrimoniais, do aire, das augas e, en definitiva, do ambiente. Cando menos, estes son os pasos que o goberno do PP vén dando mediante a promulgación normativa ao longo dos últimos anos que culmina co proxecto de lei de fomento de iniciativas industriais e empresariais que poderiamos chamar LIA (Lei de Indefensión Ambiental).

O Plan non só non contempla a incorporación dos Espazos Naturais das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamentos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, senón que, no momento da súa entrada en vigor, ditos espazos naturais perderán a súa vixencia. Por este motivo, solicitamos que estes espazos sexan tomados en consideración e que continúe a súa protección.

Nun momento no que as Directrices da Paisaxe están aínda sen aprobar, o PBA non contempla expresamente o Catálogo e das Directrices da Paisaxe de Galicia (no PBA menciónanse moi de esguello). Por iso solicitamos que se tomen en consideración, xunto coas alegacións presentadas polos colectivos ambientais as mencionadas directrices.

Demandamos que se contemple o aproveitamento multifuncional do monte, a erradicación de todas as especies invasoras, a prohibición das cortas a mata rasa e a utilización para os labores de plantación, e de recollida das cortas, de equipos non agresivos co solo do monte nin cos seus valores xeolóxicos nin co seu patrimonio arqueolóxico nin co patrimonio inmaterial a eles asociado.

Insistimos na necesidade de acometer unha remodelación da Planificación Territorial e que se compensen nos elementos de planificación as inadecuacións e carencias do conxunto como a carencia dunha planificación de avaliación ambiental do conxunto do territorio ou a falta dunha xerarquización normativa.

Solicitamos tamén a consideración da biodiversidade na planificación territorial e a planificación sustentable do territorio en relación coa base económica de Galicia (o sector primario e os eidos agrario, gandeiro, forestal-multifuncional e pesqueiro, o sector secundario e a industria compatible, a soberanía alimentaria e o  valor cultural e identificador das actividades económicas).

Pedimos a planificación racional do metabolismo dos asentamentos humanos: auga, saneamento, enerxía, emisións, efluentes, residuos, e que se tome en consideración o cambio climático na planificación das actividades humanas e do tratamento do territorio.

Documento de alegacións

Imaxe by Galicia_municipalities.png: Emilio Gómez Fernández derivative work: Mr.Ajedrez [CC-BY-SA-3.0 (http://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0/) or GFDL (http://www.gnu.org/copyleft/fdl.html)], via Wikimedia Commons