Verdegaia únese á celebración, o día 27 de febreiro, da plantación humana para reivindicar a importancia dos montes e a súa protección. Os incendios forestais convertéronse no principal problema ambiental de Galicia, causando ano tras ano importantes impactos sobre o medio, destrucción de recursos socioeconómicos e unha crecente inquietude social.

Centos de miles de hectáreas arderon nos últimos anos no noso país. Segundo as cifras oficiais, no ano 2006 foron arrasadas perto de 94.000 Ha en Galicia, das cales 54.000 eran arboradas e unhas 40.000 de monte baixo. Dende o ano 1989, a media anual supera as 40.000 Ha queimadas.

Os incendios provocan numerosos impactos sociambientais. Algúns dos máis destacables son:

Perda da biodiversidade pola degradación dos ecosistemas forestais.

Erosión dos solos e perda de recursos hídricos, potenciándose condicións propicias para a desertificación do territorio (tras un incendio, poden perderse ata 50 toneladas de solo por hectárea e ano).

Riscos para a vida e a sáude das persoas. Os fumes están formados por moitas substancias perigosas, como o monóxido de carbono, óxidos de xofre e nitróxeno, hidrocarburos aromáticos policíclicos, etc.

Emisión de gases que provocan incremento do efecto invernadoiro (contribuíndo ó cambio climático), como dióxido de carbono e o metano. O 16% das emisións de CO2 no planeta débense ós incendios.

Incremento do risco de enchentes e inundacións, como se puido comprobar recentemente en numerosas localidades galegas, ó diminuir a capacidade amortiguadora que teñen os bosques (o incremento anual dos caudais por efecto do lume pode situarse entre o 30 e o 50%).

Perdas económicas en numerosos sectores: no forestal, agrícola e gandeiro, por destrucción de recursos; no enerxético, coa perda de biomasa; no marisqueo e acuicultura, co arrastre de cinzas polos ríos cara a zonas moi productivas; no sector turístico, que depende en grande medida do medio natural; tamén nas actividades apícolas, micolóxicas e cinexéticas, entre outras.

Degradación dos valores ambientais e culturais da paisaxe.

Fronte á agresión que están sufrindo ano tras ano os montes galegos, afectados por incendios forestais, canteiras, construcción de infraestructuras, que poñen en perigo a súa supervivencia, a Federación Ecoloxista Galega e Area Negra, como promotoras desta actividade xunto con diversos colectivos escolares e ecoloxistas, entre elas Verdegaia, celebrarán mañá martes día 27 de febreiro unha plantación humana, de forma simultánea en diversos puntos de Galicia.

Máis información:

Blog da Federación Ecoloxista Galega