Verdegaia e Ecologistas en Acción coidan que a onda de incendios forestais e as súas dramáticas consecuencias son o resultado tanto da falta de xestión sustentábel dos montes e da desorde territorial coma do elevado grao de impunidade do que gozan os incendiarios. Situacións similares ás que vivimos estes días producíronse con anterioridade e poñen de manifesto a necesidade de que a ordenación e xestión sustentábeis do monte ocupe un lugar destacado nas prioridades da Xunta e do resto das Administracións ao longo de todo o ano, o que se debe traducir en máis recursos e en mellores políticas.
Verdegaia e Ecologistas en Acción demandan á Consellería de Medio Rural que, unha vez superada a crise actual, convoque con urxencia o Consello Forestal de Galicia para informar ás organizacións sociais sobre a evolución dos incendios e a aplicación do plano INFOGA. O Gobierno bipartito da Xunta non pode, como os anteriores, facer apelacións á inexcusábel colaboración cidadá sen ofrecer a máxima transparencia e participación social efectiva. Porén, o plano INFOGA, que non ten sido obxecto até agora de cambios importantes polo Goberno bipartito, tampoco foi discutido este ano coas organizacións sociais, en particular coas ecoloxistas.
Enfrontarse aos incendios é tarefa de toda a sociedade pero a Xunta e o resto dos poderes públicos teñen unha responsabilidade moi especial. Mais alá da retórica, e se exceptuamos o importante gasto en extinción, que será necesario manter, o certo é que o monte segue a recibir pouca atención e recursos das Administracións públicas. Dous exemplos: a partida consignada este ano nos Orzamentos da Xunta para axudas ao sector privado en materia de prevención de incendios é de 1.200.000 euros, o que equivale ao investimento nas obras de mellora de dous quilómetros dunha estrada licitadas no mes pasado. Os convenios asinados este ano pola Consellería de Medio Rural para desbroces (accións necesarias mais que deben ser aplicadas de forma selectiva e coidadosa) incidirán tan só sobre 14.000 ha, fronte a unha superficie declarada de especial risco de incendios de 391.549 ha.
Cambio climático
É oportuno lembrar que situacións como a destes días serían máis frecuentes como consecuencia do cambio climático previsto ao longo deste século. Unha das conclusións do informe científico “Evaluación Preliminar de los Impactos en España por Efecto del Cambio Climático é que “os índices medios de perigo de incendios aumentarán e, en particular, a frecuencia de situacións extremas”. A loita contra os incendios é un motivo máis para reducirmos as emisións de gases que provocan o cambio climático, tan elevadas en Galicia en termos relativos.
Solidariedade coas vítimas
Finalmente, Verdegaia e Ecologistas en Acción queren expresar a súa solidariedade con todas as vítimas dos lumes, especialmente cos familiares das tres persoas falecidas.
Máis información:
Web sobre incendios forestais do Ministerio de Medio Ambiente