As últimas batidas concedidas pola Administración na Serra do Barbanza (A Coruña) cobráronse a vida de, cando menos, dous lobos en plena época de cría. Por outra parte, diversos colaboradores subministráronlle a ASCEL información contrastada que sinala a morte ilegal de, cando menos, outro lobo (un exemplar novo e entre 6 ou 7 cánidos indeterminados máis).

Temos coñecemento de que se están a realizar máis batidas para matar lobos, das cales a Administración non quere que haxa información ante a opinión pública, xa que carecen de calquera tipo de xustificación técnica nin científica e por estar unicamente promovidas por motivos políticos.

Ademais, temos constancia da existencia de varias irregularidades, tales como a práctica de esperas noturnas ou o emprego de cans procedentes de Ourense e entrenados para rastrexar lobos, entre outras actividades.

Desgraciadamente, esta matanza de lobos non terá a medio ou a longo prazo os resultados que a Administración galega procura, xa que o feito de que non se rexistraran novos ataques ao gando non significa que a ausencia de vixilancia do gando, que é o verdadeiro problema, se resolvera.

O conflito que parece deberse á predación do lobo sobre os poldros depende máis do tipo de manexo do gando que da abundancia de lobos. É hora de asumir a importancia do lobo, o carnívoro máis citado en ecosistemas terrestres como regulador de densidades de presas e doutros predadores. O lobo favorece a presenza de especies que se alimentan de roña, xa que comen os restos das súas presas. Tamén facilita a recuperación de vexetación e de fauna asociada mediante a predación sobre ungulados. A funcionalidade ecolóxica do lobo promove a conservación e a recuperación de biodiversidade, entendida como riqueza de especies e interaccións entre elas. Contodo, manter artificialmente densidades altísimas de gando e practicamente nulas de predadores ten impactos negativos. O sobrepastoreo implica perdas e compactación de solos e erosión, achegas excesivas de nitróxeno que lle afectan e comprometen a dinámica do solo… en definitiva, a perda de diversidade e alteracións irreversibles das funcións ecosistémicas.

A gran cantidade de gando en extensivo nas serras galegas e as súas consecuencias sobre a vexetación, enormemente empobrecida, son un claro exemplo

Considerando estes feitos, é correcto eliminar o lobo de ditas serras e crear un problema recorrente no tempo? Matar lobos indiscriminadamente durante a época de cría non é un xeito responsable de actuar para protexer o medio nin coa maior parte da sociedade.

En lugar de adoptar solucións drásticas e temporaias, posto que matar dous lobos non constitúe ningún tipo de solución a medio ou a longo prazo, deberíanse pór en marcha modelos que permitan manter unha carga gandeira que evite os impactos enumerados anteriormente e ligada a métodos de vixilancia que fagan compatible a coexistencia co lobo. Sábese que os danos se centran nun período concreto do ano nos exemplares novos. Por que non se actúa en consecuencia?

A opinión pública debe saber que morre moitísimo máis gando por causas naturais (enfermidades) que por ataques de predadores. Isto debe levarnos a relativizar a dimensión do suposto problema coa gandería extensiva. Hai medidas simples como a protección dos poldros durante os seus primeiros meses de vida, cando son máis vulnerables, que poden evitar a maior parte dos ataques.

Matar lobos para solucionar conflitos puntuais non fai máis que crear situacións recorrentes e elude a responsabilidade que ten a Administración de velar pola conservación da diversidade biolóxica.