as arbores humanizan1As asociacións ecoloxistas Amigos da Terra e Verdegaia veñen de presentar unha queixa ante o Valedor do Cidadán de Vigo contra a falta de transparencia e o incumprimento legal no que incorreu o Concello de Vigo na intervención realizada nos últimos meses no arborado da Avenida Castelao.

A pesar de que a Lei 27/2006 pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, recolle que as administracións deben, nun prazo máximo de 2 meses, poñer a disposición dos interesados aquela información en materia ambiental que lles sexa solicitada, o concello segue ignorando as reiteradas solicitudes da documentación que supostamente xustifica o masivo corte de árbores na Avenida Castelao.

A esta opacidade na actuación do concello temos que sumar, por un lado a manifesta falta de talante democrático da conselleira responsable por Medio Ambiente que ven rexeitando reunirse coas asociacións ecoloxistas e, por outro, unha enorme hipocrisía cando se auto-asume como protector dos camelios da Avenida Camelias cando nese preciso momento se están cortando todas as árbores na Avenida Martínez Garrido.

Alegar que se están plantando máis árbores ca nunca non é máis que un ”lavado verde” dun conxunto de políticas que reflicten unha clara falta de coñecemento en xestión ambiental. Basta con observar as podas que non respectan o ciclo natural das árbores ou a repoboación que se está realizando en Martínez Garrido: substituír árbores de grande porte con máis de 40 anos por robinias de recoñecida capacidade invasora.

En tempos nos que a cidadanía tende a afastarse do poder político por non se sentir representado por ele, consideramos a actitude do concello de Vigo como unha manifesta falta de respecto que non fai máis que reforzar a desconfianza ente gobernantes e gobernados.