Medidas como a nova Lei de residuos que teima nun modelo de eliminación de residuos, o anuncio da construción dun novo vertedoiro de escouras e a ameaza aos modelos alternativos como Nostián e Lousame.

Nova Lei de residuos

A nova Lei de residuos volve a perder a oportunidade de encamiñar a xestión de residuos cara unha economía circular na que prime a prevención na xeración e a reciclaxe.

A lei inclúe obxectivos tecnicamente imposibles como asegurar a reciclaxe de 50% dos residuos para 2025 cando a dia de hoxe a taxa actual está en torno aos 20%. Como se observa no gráfico actualmente 80,3% dos residuos domésticos/comerciais galegos son destinados á incineración ou a vertedoiros.

Construción de outro vertedoiro de escouras

Sogama anunciou recentemente que necesita construír outro vertedoiro para as escouras pola saturación do actual vertedoiro, algo que xa era previsible cando 46,6% da totalidade dos residuos domésticos/comerciais son destinados á incineración.

As escouras son o resto do proceso de incineración de residuos polo que son substancias con unha composición moi heteroxénea na que preocupa especialmente o contido en substancias minerais e en metais pesados. Dada a perigosidade destas substancias, tanto para a saúde humana como para o medio ambiente, as administracións deberían poñer en marcha medidas que minimicen a xeración desas escouras, é dicir minimizar os residuos incinerados.

Ameazas ás alternativas a SOGAMA

E como colofón a esta serie de disparates, a Xunta ven de anunciar que os modelos alternativos a SOGAMA, Nostián e Lousame, están en vías de extinción porque deixarán de recibir fondos da Unión Europea. Aínda que estes modelos alternativos distan bastante dunha xestión óptima dos residuos, acadan todos os anos niveis de reciclaxe superiores aos da propia SOGAMA.

Seguir apostando por un sistema como SOGAMA é na práctica defender os intereses da empresa eléctrica que realiza a incineración dos residuos e os intereses das multinacionais que colocan millóns de envases no mercado e se negan a establecer un sistema de recuperación para poder reutilizalos. Unha administración que asumise o rol de defensora dos intereses da poboación tería como primeiro obxectivo a redución dos residuos que se destinan á incineración mediante unha separación previa que permitise o aproveitamento deses residuos que nun 84% poderían ser reutilizados novamente como materias primas.

Nestas condicións pretender alcanzar os obxectivos climáticos de París, a estratexia estatal de economía circular ou o pacto verde é simplesmente unha quimera. Unha quimera que terá un custo non só ambiental e social, senón tamén económico coas máis que probábeis sancións europeas que obviamente se trasladarán directamente ao noso recibo do lixo.

Calcúlase que dos residuos destinados á incineración/vertedoiro:

  • 44,4% é materia orgánica que se poderían destinar á compostaxe minimizando a necesidade de usar agro-químicos;
  • 13,8% son plásticos e metais reciclábeis que evitarían a extracción de materias primas para fabricar máis plásticos e metais;
  • 12,7% é papel-cartón que de ser reciclados diminuirían a necesidade de nova celulosa e polo tanto a dependencia das especies arbóreas invasoras de crecemento rápido.

Referencias:

  • Gráfica: Memoria anual de generación y gestión de residuos de competencia municipal 2018 – MITECO
  • Cálculo de residuos: Informe ‘Pesa la brossa – Agència de Residus de Catalunya’