O núcleo comarcal da asociación ecoloxista Verdegaia informa que ven de interpoñer unha nova denuncia ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e Augas de Galicia pola execución ilegal dun novo recheo nunha braña do Regato de San Xurxo no lugar de Papoi, parroquia de Marmancón, Concello de Ferrol, destinado tradicionalmente á sega de herba pola sua alta hidromorfía. No mes de marzo do pasado ano xa se denunciou outro recheo ilegal nas inmediacións deste,  cuxo propietario do predio foi sancionado requeríndolle, ademáis, a retirada dos materiais sen resultado satisfactorio pois, a día de hoxe, continúan no mesmo lugar.

O recheo está a ser efectuado pola empresa “Excavaciones Migasa. S.L.” e segundo nos confirmaron no departamento de urbanismo do Concello de Ferrol existe unha solicitude para efectuar os recheos que actualmente está en fase de tramitación, pendente de varios informes da Xunta de Galicia, mais todavia sen outorgarlle autorización. Non obstante a empresa procedeu ao recheo da braña a sabendas de carecer a correspondente licenza.

A zona afectada está calificada polo Plan Xeral de Ordeamento Municipal de Ferrol coa Ordenanza 21 de conservación e protección das zonas de cultivo, da paisaxe agrícola e das riveiras fluviais (art. 152). De acordo con esta Ordenanza “Cando existan zonas naturais pantanosas, xuncais, brañas e calquera outro elemento que forme parte do sistema húmido, ditos elementos consideraranse incorporados á ribeira fluvial e as zonas de policía mediranse desde a liña de contacto de ditas zonas cos terreos agrícolas colindantes”.Polo tanto, a braña afectada forma parte do D.P.H. e non da Zona de Policía como nun principio se podería pensar pois, debido ás enchentes do regato, con frecuencia o terreo afectado queda asulagado pola auga; por este motivo procédese, neste caso ilegalmente, ao recheo da braña para darlle outros usos alleos á sega tradicional.

O artigo 234 do Regulamento de Augas proíbe, con carácter xeral “(…) Acumular residuos sólidos, escombros o sustancias, cualquiera que sea su naturaleza y el lugar en que se depositen, que constituyan o puedan constituir un peligro de contaminación de las aguas o de degradación de su entorno (…)”.

Por outra banda, o val fluvial do Regato de San Xurxo foi proposto por Verdegaia ante a Xunta de Galicia como espazo a integrar na Rede Natura 2000, ao albergar hábitats naturais de interese comunitario como, por exemplo, Fragas aluviais de Alnus glutinosa (Cod. 91E0*) ou Prados húmidos de herbas altas do Molinion-Holoschoenion (Cod. 6520), entre outros.

Á marxe das sancións que teñan lugar, desde Verdegaia solicitamos que se denegue a posibilidade de legalizar o recheo por feitos consumados e se lle dea prioridade á reposición do terreo ao seu estado natural. Asimesmo, demandamos dos organismos públicos competentes (Concello de Ferrol, Xunta de Galicia,…) que extreme a vixiancia nas zonas ambientalmente sensibeis do concello co obxecto de evitar este tipo de agresións, así como a denegación de calquera solicitude de recheo neste tipo de ámbitos de carácter hidromorfo.