O vertedoiro ilegal das Nogais, preto do cumio do monte Lago Seco, lindante co Lugar de Interese Comunitario (LIC) Os Ancares-Courel e futuro parque natural, segue aberto e recibindo o lixo deste concello a pesares das reiteradas denuncias perante o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, á Consellería de Medio Ambiente e a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Este vertedoiro incumpre toda a lexislación en materia de xestión de residuos, a Directiva 1999/31 /CE, do Consello, de 26 de abril, relativa ó vertido de residuos, a Lei 10/1998, de 21 de abril, de Residuos e o Real Decreto 1481/2001 polo que se regula a eliminación de residuos mediante vertedoiro. O vertedoiro carece dun sistema de canalización e depuración de lixiviados, non hai impermeabilización do chan nin medidas contra as filtracións de líquidos contaminantes, non conta con peche de seguridade que impida o acceso ao recinto, mestúranse residuos de todo tipo incluídos perigosos como pilas, aerosois ou neumáticos, non gardan unha distancia mínima de seguridade coas masas forestais que os rodean e mesmo arde de xeito regular.
A existencia deste tipo de recintos sen control supoñen unha grave ameaza ambiental para a súa contorna pola súa capacidade contaminante en acuíferos, solos, arrastres pola chuvia, emisións de gases e tamén para a seguridade das persoas ao non estaren dotados de medidas de restrición de acceso. Cómpre salientar que na contorna deste vertedoiro existen poboacións de diferentes especies de animais vencelladas ós ecosistemas acuáticos que poden sufrir as consecuencias da contaminación dos cursos de auga da zona do vertedoiro e que están incluídas en diferentes anexos da Directiva Comunitaria 92/43/CEE, Directiva Hábitats, como é o caso da lesma Geomalacus maculosus o cangrexo de río (Autropotamobius pallipes). a boga (Chondrostoma duriense), a saramaganta (Chioglossa lusitanica), os sapos Discoglossus galganoi e D. Jeanneae, a rá patilonga (Rana iberica), o rato de almizcre (Galemys pyrenaicus), ou a lontra (Lutra lutra).
A existencia deste tipo de instalacións ilegais son unha proba máis de desleixo no exercicio dos labores de inspección e control por parte da Consellería de Medio Ambiente e a irresponsabilidade coa que se enfronta, dende determinados concellos, o problema dos residuos.
Non é comprensíbel que, tendo sido denunciadas por parte de Verdegaia estas irregularidades en setembro de 2006, a administración non teña intervido para o seu peche, mentres se seguen acumulando toneladas de lixo sen ningún tipo de control, polo que este colectivo esixe a intervención inmediata do Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG, onde consta xa a denuncia, para que proceda ao seu peche e depure as responsabilidades pertinentes