Verdegaia denuncia a inxustificada demora, de máis de catro anos, que está a sufrir a aprobación do Plano Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. O PRUX do Parque Nacional debería terse rematado, segundo marca a lei, o 2 de xullo de 2003, é dicir, un ano despois da declaración oficial de creación do Parque Nacional. Non obstante, catro anos despois aínda non se conta nin sequera cun borrador de traballo do documento, a pesares das continuas declaracións dos responsábeis do Parque no sentido de que xa se está a redactar.
Verdegaia considera que a aprobación do PRUX ten unha importancia fundamental para acadar unha protección real e efectiva dos ecosistemas que constitúen o Parque Nacional.
É este texto o que debe regular cuestións cuxa actual indefinición está a causar un grande impacto ambiental. Así, o número de visitantes permitido en cada arquipélago (polo momento, nas illas Ons non se contempla un límite de visitantes diario, coa conseguinte presión sobre o medio), a regulación do fondeo, as características e límites das actividades económicas (coma a pesca, a hostelería ou a hospedaxe de visitantes, todas cuestións que adolecen de graves deficiencias no seu tratamento actual) ou a regulación das zonas de acampada, asunto este que está a xerar forte polémica pola falla dunha normativa clara.
Consideramos que son moitos os problemas do Parque Nacional aos que non se lles pode facer fronte de forma efectiva pola ausencia desta norma básica de funcionamento. De aí que resulte incomprensíbel a demora na súa redacción. No pasado mes de maio, nunha entrevista de membros de Verdegaia co Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, Xosé Benito Reza comprometeuse a facer todo o posible para aprobar o Plano Reitor do Parque Nacional antes do outono de 2007. Polo de agora, non obstante, nin sequera foi sacado á exposición pública o borrador. A demora na aprobación do PRUX está a impedir que se cumpra o obxectivo básico da creación do P.N. das Illas Atlánticas de Galicia: a conservación dos seus valores naturais. Aínda máis, favorece o furtivismo, dificulta a protección efectiva de especies ameazadas e fai moi pouco efectiva a denuncia dos cidadáns das agresións ao medio.