Verdegaia demanda que a Xunta de Galicia se faga cargo das instalacións militares abandoadas nos espazos da Rede Natura con fins conservacionistas.
Rexeita as pretensións do Ministerio de Facenda de vendelas ao mellor postor.
Advirte do perxuizo ambiental que suporía se ditas instalacións e terreos caisen en mans privadas.
O Ministerio de Facenda, a través do denominado “Programa para la puesta en valor de los activos inmobiliarios del Estado”, pretende por á venda uns quincemil centotrinta e cinco
(15.135) inmobres en todo o Estado, dos cales, douscentos oitenta (280) atoparíanse na Galiza. A maioría destes correspóndense con instalacións militares e fincas rústicas actualmente en desuso, situadas nas parroquias rurais de diferentes concellos como os de Ares, Ferrol, Narón e Valdoviño, na bisbarra de Ferrol e Mañón no Ortegal.
Moitos destes terreos e vellas instalacións, principalmente baterías de defensa costeira, localízanse en elevacións e promontoiros costeiros amparados por diferentes figuras de protección ambiental, no marco da Rede Natura 2000 (Directiva 92/43/CEE e Lei 42/2007, do 13 de decembro) como, por exemplo, o L.I.C. Costa Ártabra, a Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño ou o LIC Estaca de Vares.
Desde que foron abandoadas, este tipo de instalacións son aproveitadas por diferentes especies de fauna como lugares de acubillo, reproducción, invernada ou predación, polo que resultan de especial interese para o mantemento da biodiversidade nos citados espazos naturais.
Este feito xa se puxo de manifesto a través dun informe preliminar elaborado de xeito conxunto entre Verdegaia e a S.G.H.N. de Ferrol no ano 2008 e que nese mesmo ano remitiuse a varios organismos públicos como a Consellería de Medio Ambiente, a Demarcación de Costas e os concellos de Ares e Ferrol para o seu coñecemento, ante o risco de que se fixese un aproveitamento indebido desas instalacións, ocasionando un perxuizo tanto á fauna silvestre presente como aos hábitats naturais de interese comunitario circundantes.
Verdegaia ven de remitir un escrito á Consellería de Medio Ambiente pedíndolle que inicie as xestións pertinentes ante o Ministerio de Facenda para que este tipo de instalacións e terreos en desuso, situados na Rede Natura, manteñan a titularidade pública e pasen a ser xestionadas na súa integridade pola propia Consellería ou, no seu defecto, polo Ministerio de Medio Ambiente, para seren destinados única e exclusivamente a fins relacionados coa conservación da natureza.
Rexeitamos, polo tanto, a súa venda ao mellor postor, mesmo que sexa con supostas intencións de incrementar os ingresos públicos, como chega a xustificar o Ministerio de Facenda, demandando que ditos terreos e instalacións sexan cedidos, de xeito gratuito, á Xunta de Galicia.
Resultaría un lamentabel erro que ditas instalacións e terreos caisen en mans privadas e fosen destinadas a fins recreativos, hosteleiros, etc. incongruentes, neste caso, cos fins e obxectivos que persegue a Rede Natura 2000, dado que conlevaría unha maior presión humana sobre ditos espazos, ocasionando un perxuizo tanto para a fauna silvestre como para os hábitats naturais de interese comunitario existentes. Tamén sería perxudicial que todos estes terreos e instalacións se transformasen en áreas de lecer ao estilo do Monte San Pedro, na Coruña, con zonas axardinadas, mobiliario urbano, miradoiros, etc., máis propio dun espazo urbano que dun espazo natural.