verqu_carnota1Verdegaia presenta senllas solicitudes perante Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza esixindo a súa intervención inmediata para eliminar os reiterados verquidos na praia de Carnota e delimitar a súa orixe e as pertinentes responsabilidades.

O pasado sábado 8 de xullo, un novo verquido deixou unha paisaxe de mortandade na Praia de Carnota, concretamente na zona de Carrofeito, moi próxima a Boca de Río. Numerosos exemplares de anélidos, bivalvos, crustáceos, anguías e outras especies apareceron mortas na auga e na area mentres un cheiro noxento indicaba a presenza dun verquido de importantes dimensións. (ver fotos a pé de páxina)

Azona_verq_carn probábel orixe do verquido, segundo os veciños e veciñas coñecedores do problema, atópase nunha conserveira ubicada en Lamas de Castelo. Os verquidos chegan á praia a través da canle do río Pedrafigueira.

Estes verquidos véñense producindo reiteradamente, pero a coincidencia do último deles coas mareas mortas agravou as súas consecuencias.

  Unha vez máis, un espazo protexido de grande valor ambiental, incluído no LIC Costa da Morte da rede Natura 2000 e declarada no 2004 como Zona de Especial Protección dos valores Naturais vese afectado por actuacións irresponsábeis favorecidas polo desleixo no control do cumprimento da lexislación ambiental por parte das distintas administracións. 

Verdegaia esixe a intervención inmediata da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e de Augas de Galicia para depurar as reponsabilidades e sancionar ás empresas ou persoas responsábeis dos verquidos. Asemade demanda a intensificación das inspeccións nas empresas xeradoras de residuos ou que teñan permiso de verquidos para prevenir episodios como o acontecido, particularmente das ubicadas en ou perto de espazos protexidos.

Non abonda con comprobar que a empresa conta cunha depuradora. A depuración de augas resiuduais e industriais esixe o mantemento da instalación e a renovación dos filtros, investimentos que moitas empresas non fan polo que, aínda que na teoría cumpren os requisitos legais, a realidade é que contan con instalacións de depuración inoperantes como demostran os numerosos verquidos contaminantes que adoitan realizarse por todo o país.

 

As fotos amosan anélidos, exemplares inmaduros de anguías e outros peixes mortos no lugar do verquido

martina-047

martina-059

martina-065