Verdegaia deixou de apoiar o sistema de certificación forestal sustentable  FSC (Forest Stewardship Council)  ao constatar que non garante en todos os casos unha xestión dos montes certificados autenticamente sustentable. Aínda que hai moitos exemplos en todo o mundo de bosques certificados baixo FSC cunha xestión ambientalmente responsable e socialmente xusta, tamén é verdade que o sistema funciona de forma deficiente, o que fai posible en ocasións que montes cunha xestión non sustentable sexan certificados, como aconteceu cos de NORFOR (Grupo ENCE) en Galicia. 

FSC é un sistema de certificación forestal claramente preferible ao PFEC (Programme for the Endorsement of Forest Certification schemes), o sistema baixo o que a Xunta certificou unhas 100.000 hectáreas dos montes que xestiona. E os Estándares españois para a certificación forestal FSC son unha boa guía para unha xestión forestal sustentable. Porén, FSC non garante debidamente que os principios e criterios que promove sexan aplicados na práctica nos montes certificados. Así, é posible que unha empresa como NORFOR obtivese en 2004 o certificado de forma irregular, como incluso recoñeceron os Servizos de Acreditación (ASI) do propio FSC Internacional, logo dunha auditoría realizada no ano pasado. Cun pequeno esforzo inicial, e introducindo posteriormente certas melloras a remolque das queixas presentadas por organizacións ecoloxistas e contando con prazos de tempo dilatados, NORFOR foi capaz de manter a certificación até hoxe. Este caso, e tamén outros similares no resto do mundo, levaron a Verdegaia a deixar de ser socia de FSC España e a abandonar o Grupo Galego de Apoio á Certificación Forestal FSC.

Verdegaia ten feito un seguemento atento da certificación FSC de NORFOR, achegando comentarios en auditorías de seguemento. Desta forma, puido comprobar de perto o insuficiente rigor co que están a traballar neste caso tanto a empresa auditora SGS -acreditada por FSC para certificar montes e contratada por NORFOR para iso- como o propio FSC Internacional, que supervisa esta certificación. Ao entender de Verdegaia, FSC necesita reformas urxentes para prevenir e cancelar rapidamente certificacións inadecuadas. O principal aspecto a corrixir é a falta de independencia e de profesionalidade coa que poden actuar as auditoras acreditadas, que son escollidas e pagadas polas propias empresas interesadas en obteren a certificación. Mentres FSC non corrixa as súas deficiencias non será un sistema realmente crible.

O nivel de esixencia ambiental do sistema FSC é maior có da lexislación, mais isto é froito sobre todo da debilidade do marco legal existente, máis que da fortaleza de FSC. Isto resulta ben evidente no caso particular do eucalipto en Galicia, cuxas plantacións se poden localizar e manexar sen apenas restricións ambientais, a pesar dos desastrosos resultados da expansión masiva e desordenada do eucalipto rexistrada  nas últimas décadas. Non é de estrañar pois que unha empresa como NORFOR poida xestionar montes provocando graves danos ambientais sen que a Xunta faga nada para o evitar.

Verdegaia apoiará, na medida das súas posibilidades, aquelas iniciativas que fagan da certificación promovida por FSC  -unha organización non gobernamental internacional integrada por asociacións, empresas e particulares-, un sistema máis crible. En calquera caso, é máis ben partidaria de sistemas de certificación ecolóxica voluntaria baixo regulación e control públicos, como o que se aplica na agricultura e a gandería.

Nova auditoría dos Servizos de Acreditación (ASI) de FSC Internacional por causa da certificación FSC de NORFOR

A finais deste mes de xuño, ASI fará unha nova auditoría por causa do certificado FSC outorgado a NORFOR por SGS, que dará continuidade á realizada hai un ano, entre maio e xuño. A comezos deste ano, FSC Internacional decidiu non cancelar o certificado de NORFOR e aprofundar na supervisión deste caso. Verdegaia presentou comentarios perante esta nova auditoría de ASI, con críticas á primeira auditoría e tamén á auditoría de seguemento anual da xestión de NORFOR desenvolvida por SGS a finais de 2007. Parece pouco probable que FSC Internacional cancele a certificación FSC de NORFOR. Semella simplemente está  a presionar a SGS e a NORFOR para que reduzan algo a distancia que media entre a xestión forestal de NORFOR e os estándares españois de certificación forestal FSC, concedéndolle xenerosos prazos para iso. 

Comentarios de Verdegaia para auditoría de ASI-FSC a SGS-NORFOR xuño 2008