O Núcleo Comarcal de Verdegaia en Pontevedra quere chamar a atención as autoridades do Concello de Pontevedra sobre o estado do tramo do Río Lérez que pasa polo concello. Durante unha visita polo tramo baixo do Río Lérez realizada por membros do núcleo comarcal, detectáronse numerosos impactos ambientais derivados principalmente das obras realizadas e promovidas polo Concello de Pontevedra que afectan tanto ó bosque de ribeira como ao leito do río.
O colectivo ecoloxista denuncia a abundancia de lodos, sólidos en suspensión, diferentes vertidos a canle do río pontevedrés e un estado deplorable da vexetación de ribeira constituída en grande parte por vexetación invasora con máis de 10 especies detectadas (Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Eucalyptus globulus, Eucaliptus camaldulensis, Robinia pseudoacacia, Conyza canadiensis, Phytolacca americana, Cortaderia selloana, Amaranthus sp., Buddleja davidii, Helichrysum foetidum, Cyperus egragostis, Tradescantia fluminensis, etc.).
VERDEGAIA non está de acordo coa creación do areal artificial por innecesario e polo impacto que supón no fráxil medio fluvial. Entendemos que se deberían destinar eses cartos á auténtica recuperación da ribeira do río, é dicir, á eliminación dos vertidos que aínda quedan, á recollida dos tubos abandonados e outro lixo existente nas súas marxes, á erradicación da flora invasora e ao fomento dunha vexetación autóctona e natural (ameneiros, freixos, carballos e salgueiros).
O concello de Pontevedra podería basear o seu orgullo en feitos reais e non en enganar a sociedade. A pesar de que se levan dado pasos na boa dirección para conseguir o “puro Lérez” aínda quedan moitas cousas por facer para conseguir recuperar este espazo natural tan valioso como fráxil.
Recordar que o recen constituído núcleo comarcal de VERDEGAIA Pontevedra ten como zona de seguimento o LIC Río Lérez e vai dedicar unha boa parte do seu traballo como colectivo na defensa dese espazo natural chave para a nosa cidade.
Ademais o próximo domingo 12 de xullo organizará un roteiro póla ribeira do Lérez na que ademais de disfrutar do entorno sinalaranse os elemento de biodiversidade mais interesante e os aspectos de impacto ambiental a corrixir.