Verdegaia critica o proxecto de actuación da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente (MMA) para as Brañas de Dodro, na desembocadura do río Ulla, por entender que deterioraría unha zona húmida de elevado interese natural, integrada na rede europea de espazos protexidos Natura 2000. Costas ignora o valor ecolóxico real das Brañas de Dodro e pretende promover actuacións que artificializarían o contorno. Verdegaia solicitou á Dirección Xeral de Avaliación Ambiental do MMA que someta o proxecto a avaliación ambiental e pediu á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta que interveña.
O proxecto da Dirección Xeral de Costas denomínase “Actuacións medioambientais na ribeira do río Ulla. Termo municipal de Dodro (A Coruña)”, mais pouco ten de ambientalista. Resulta ben ilustrativo disto a frase que abre o apartado “Análise detallada dos problemas actuais”: “O principal problema que existe na zona é o acceso para vehículos a motor ao contorno do río Ulla”. O proxecto inclúe a dotación de zonas de estacionamento, a mellora dos accesos ao contorno da illa de Bexo, a creación dunha praia fluvial artificial, a instalación dun embarcadoiro ou a apertura dunha senda peonal ao longo de toda a ribeira do Ulla.
A xuízo do núcleo comarcal de Compostela de Verdegaia, é inconcebible que o Ministerio de Medio Ambiente poida investir diñeiro público nun proxecto como o presentado nunha área do valor natural das Brañas de Dodro. A finalidade principal do proxecto non é mellorar o estado de conservación das Brañas de Dodro, integradas no espazo da Rede Natura “Sistema fluvial Ulla-Deza”, nin favorecer o seu uso social de forma respectuosa co contorno, como se esperaría dun Ministerio destinado a protexer o medio ambiente.
A marxe norte da desembocadura do río Ulla alberga unha das mellores representacións de vexetación palustre de España e a mellor de Galicia. A conservación das Brañas é vital para a sobrevivencia dunha das aves máis ameazadas de extinción en Galicia e en España, a subespecie do occidente ibérico da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), que vai ser obxecto dun plano de recuperación por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Tamén cómpre salientar que é unha zona de paso importante para a migración da folosa acuática (Acrocephalus paludicola), ave ameazada de extinción a nivel mundial. Segundo un estudo efectuado polos ornitólogos do Grupo de anelamento científico Anduriña entre 2001 e 2003, un total de 162 especies de aves viven nas Brañas de Dodro durante todo o ano ou parte del.
Verdegaia agarda que o Ministerio de Medio Ambiente revise en profundidade o seu proxecto para a desembocadura do río Ulla. É un despropósito que a Dirección Xeral de Costas invista na deterioración dun contorno natural, especialmente cando lle resta tanto por facer en materia de recuperación e conservación de espazos naturais, no derrubamento de construcións ilegais ou no deslinde da zona pública de costa (nas provincias da Coruña e Pontevedra, a finais de 2005, aínda quedaban por deslindar 586 km de costa, malia que a Lei de Costas, aprobada en 1988, daba un prazo de 5 anos para completar o deslinde).