O luns 18 de xuño as persoas maquinistas recibiron a orde de talar a totalidade das árbores comprendidas na beirarrúa que está sendo obxecto da mal chamada humanización da rúa Martínez Garrido, as cales, segundo nos informan, previamente se prometera á cidadanía que mora nos arredores non tocar; optouse, xa que logo, por unha medida nada popular e que espertou a indignación da xente. Algunhas das árbores xa existían denantes moitas e moitos de nós.
En Verdegaia sempre nos opuxemos a estas mostras de irracionalidade, emporiso no día 10 de xullo a iso das 19:00 horas unirémonos a algunhas persoas da veciñanza no noso rexeitamento ás inxustificadas talas pola deshumanización en Vigo. Colgaremos nas árbores en perigo de tala de Martínez Garrido unha advertencia e aproveitaremos para informar no Calvario da desolación que nos agarda.
A relación dos seres humanos, como animais que somos, coas prantas é, tanto dende un punto de vista psicolóxico e social coma biolóxico, de beneficio mutuo. As cidades máis grises son menos habitables e depresivas, amais de produtoras de maiores cotas de CO2 (o cal demostra a falta de compromiso na loita contra a Mudanza Climática). As árbores protéxennos do ruído, da calor, da chuvia e das nosas propias pantasmas en forma de estrés ou pensamentos negativos.
Cada vez atopamos menos zonas verdes nas cidades, preto de vivendas onde os nenos poderían xogar sen preocuparse polos efectos negativos do tráfico, desligándonos, así, cada vez máis da natureza á que pertencemos no medio que estamos a modificar.
Dende Verdegaia sempre pediremos un modelo de cidade máis progresista, entendida esta coma un lugar no que se poida vivir con ledicia e paz co medio ao cal pertencemos e do que dependemos. A capacidade transformadora está dentro de cada un de nós e non deberiamos de fixarnos tanto do que din darnos, senón máis naquilo do que nos privan.
Para rematar, despedímonos cun poema bilingüe (para que a Consellería de Aculturación e Instrución non poida queixarse) escrito nos inicios da irresponsabilidade cuxas consecuencias padecemos, agardando inspire unha política urbá e forestal máis natural:
Trees by Joyce Kilmer (1914)
Árbores por Joyce Kilmer (1914)
I think that I shall never see
A poem lovely as a tree
Penso que nunca verei
un poema tan fermoso como unha árbore
A tree whose hungry mouth is prest
Against the earth´s sweet flowing breast;
Unha árbore cuxa boca famenta esté pegada
ao dulce seo fluínte da terra;
A tree that looks at God all day,
And lifts her leafy arms to pray;
Unha árbore que mira ás divindades todo o día,
e ergue os seus frondosos brazos para orar;
A tree that may in Summer wear
A nest of robins in her hair;
Unha árbore que no vran podería levar
un niño de piscos nos seus cabelos;
Upon whose bosom snow has lain;
Who intimately lives with rain.
En cuxo peito apoiouse a neve;
quen intimamente vive coa choiva.
Poems are made by fools like me,
But only God can make a tree.
Os poemas son feitos por persoas coma min,
mais somentes as divindades poden crear unha árbore.
//