A asociación ecoloxista Verdegaia considera que a reforma do Consello Galego de Medio Ambiente , o órgano consultivo da Xunta en materia de medio ambiente e sustentabilidade, é insuficiente e, nalgúns aspectos, incluso supón un paso atrás. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel preferiu un deseño de Consello asesor de medio ambiente máis próximo da Xunta anterior do PP que de Gobernos da mesma cor política, como o central ou o andaluz. Perdeuse así unha oportunidade para promover a participación social nos asuntos que teñen que ver co medio e a sustentabilidade a través dun Consello autónomo, capaz e con protagonismo.

O Consello mudou de nome, pasando a se chamar Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, mais iso non supón unha ampliación real de funcións. Entre elas non se inclúe a de ser informado e opinar sobre o anteproxecto de orzamentos da Consellería e a execución orzamentaria do ano anterior. Por outro lado, o Consello seguirá carecendo de secretaría e de gabinete técnico, o que parece incoherente co relevante papel que, en teoría, se lle asigna, o de asesorar sobre a sostibilidade nas súas dimensións ambiental, social e económica. Un desafío para o que tería sido mellor converter o actual Consello Económico e Social nun Consello Económico, Social e Ecolóxico no que houbese tamén representación ecoloxista.

Un Consello para ouvir a cidadanía ou para se ouvir a Administración?

O número de membros do Consello amplíase de 35 a 40. Verdegaia valora positivamente o incremento do peso dos representantes da cidadanía, que pasa do 43 ao 50%, así como a incorporación de novos sectores sociais, o que fai o novo Consello máis plural e representativo có anterior, aínda que cun peso menor da representación ecoloxista. Sen embargo, Verdegaia entende que o Consello debería actuar só como voz da cidadanía, e non tamén como voz da propia Xunta e dos Concellos, que xa dispoñen doutros órganos e ámbitos para o diálogo e a coordenación. A Xunta non debería crear órganos para se ouvir a si mesma.

A Xunta optou por unha composición do Consello afastada das visións máis progresistas da participación social. No noso contorno, podemos pór como exemplos o Consello estatal de Medio Ambiente, no que todos os membros, agás a ministra de Medio Ambiente e o secretario, son representantes da cidadanía, ou o Consello do Ambiente e do Desenvolvemento Sustentábel de Portugal, no que máis de 2/3 dos seus membros proveñen da sociedade civil. No Consello Andaluz de Medio Ambiente hai só 5 representantes da Administración autonómica fronte a 20 de organizacións cidadás.

A periodicidade habitual das reunións plenarias do Consello pasa de cuadrimestral a semestral, o que supón un retroceso. Moitos Consellos homólogos do resto de Europa (Alemaña, Suecia,…) reúnense de forma ordinaria cunha periodicidade de dous meses, ou incluso maior.

Cadro comparativo entre o anterior e o novo Consello de Medio Ambiente.doc