As marismas da Xunqueira do Areal son un espazo natural que acolle tres hábitats de interese comunitario, o bosque de Ribeira, prados salgados atlánticos, e estuarios, polo que consideramos fundamental a súa posta en valor e congratulámonos porque Costas aborde a súa rexeneración ambiental mediante a eliminación de especies invasoras e a plantación de especies propias do bosque de Ribeira.
Lamentamos que a actuación non tivese a publicidade precisa para que a cidadanía coñecese o proxecto e puidese facer as achegas que considerase necesarias ao mesmo. Neste senso, en Verdegaia tivemos dificultades para acceder ao proxecto en formato dixital, tal e como marca a lei. Tamén lamentamos que non houbese persoal técnico de Costas para explicar o mesmo.
A pesar das dificultades, en Verdegaia fixemos as nosas achegas ao proxecto, xa que hai varias cousas que nos preocupan do mesmo:
Consideramos que non se debe facer o dragado dos lodos da marisma para facer canles. Esta probado que estas actuacións, ademais de supor un gasto inútil porque as canles dragadas volven encherse de alí a pouco, supoñen un grave perigo de mobilización dos metais pesados que conteñen os lodos, e que poderían pasar á cadea trófica, poñendo en risco os bancos de marisqueo da Ría de Arousa preto do Areal da Pobra, e mesmo a saúde das persoas. Ademais hai que sinalar que os dragados poden provocar efectos secundarios moi negativos na dinámica natural das augas: erosión cara a augas arriba do tramo dragado, afundimento das canles, irregularización dos fondos, descenso da capa freática (e xa que logo desecación de pozos de rego), socavamento de pontes, etcétera.
En todo caso, tanto os entullos que se van extraer destes espazos naturais como os lodos do leito da marisma, se non se atende a nosa petición de non mobilizalos e finalmente se extraen, deberán ter un tratamento adecuado consonte ao que marca a lei.
Concordamos co proxecto en que cómpre recuperar as servidumes de paso na liña de demarcación marítimo terrestre, mais sen a montaxe de paseos de plástico ou formigón, e establecendo un trazado que recupere os espazos de uso público.
Finalmente, cremos que cómpre respectar a lei no referido aos bens de interese arquitectónico e cultural, conservando e poñendo en valor os pavillóns industriais que constitúen unha das últimas referencias que se manteñen respecto á arquitectura fabril do barrio do Areal, tamén coñecido como “Barrio dos Cataláns”.