Un ano máis, e co gallo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, Verdegaia outorga os seus premios Semente e Cemento á Mellor e Peor Actuación Ambiental do Ano, composta respectivamente dunha peza alegórica do escultor Acisclo Novo. Tras un proceso aberto a todos os socios e socias de Verdegaia na votación e ao conxunto da cidadanía na proposición de candidaturas determinouse a concesión do

Premio Cemento á Peor Actuación Ambiental para Gas Natural-Fenosa e o 

Premio Semente á Mellor Actuación Ambiental á Comisión Veciñal de  Afectados pola Depuradora do Lagares.  Os premios entregaranse nun xantar no decurso do Festival Naturaliza que organizan Verdegaia, Amarante, A Gradicela, Anduriña, Ascel e Narayán en Pontevedra o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

Premio Cemento á Peor Actuación Ambiental para Gas Natural-Fenosa

Por ser unha das empresas máis contaminantes de Galiza e que máis gases de efecto invernadoiro botan no noso país, a pesar de que a inmensa maioría das galegas e galegos somos clientes seus, potenciando a produción de enerxía a través de medios non renovables (carbón e o gas natural).

Por acrecentar en exceso a produción de enerxía a través das plantas de ciclo combinado para o que desenvolve unha política de construcións de plantas satélites de Gas a través das súas filiais dando as costas a cidadanía, sen as debidas garantías sociais, ambientais e de seguridade á par que constrúe gasodutos en Galiza dun xeito errático e sen as debidas garantías ambientais. Esta irresponsábel política vese agravada pola presión exercida sobre o goberno xunto con outras transnacionais enerxéticas co fin de eliminar as subvencións ás enerxías renovábeis, substituíndoas por outras que subvencionen o gas e o carbón.

Polo seu espolio dos ríos galegos mediante encoros, para os que se nega sistematicamente a presentar plans de urxencia namentres deslocaliza a empresa Unión Fenosa fora do noso país, deixando de contribuír cos seus impostos e incumprindo os seus compromisos cas persoas que traballan para ela en Galiza.

Pola súa responsabilidade social e ambiental en Latinoamérica: Guatemala, Nicaragua, República Dominicana o Colombia onde se rexistran numerosas denuncias polos seus actos

Premio Semente á Mellor Actuación Ambiental: Comisión de afectados pola depuradora do Lagares Pola súa exemplar e perseverante loita, a miúdo en solitario, contra a instalación da depuradora instalada na desembocadura do Lagares, na Xunqueira, un espazo natural único no sur galego, loita coa que levan percorrido todas as instancias da administración ate a Comisión Europea e cuxas denuncias e alegacións foron sistematicamente desatendidas ao longo dos anos.  Esta depuradora construíuse de xeito ilegal, sen concesión da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente para a súa construción na zona. Conculca a normativa galega, estatal e europea en materia de protección ambiental e de protección do dominio público marítimo terrestre. Esta zona natural e os veciños e veciñas que nel habitan vense ameazados outra vez  por unha nova macrodepuradora que pretende substituír a anterior construída con financiamento comunitario fai doce anos e cuxo deficiente funcionamento carrexou a vertedura de miles de litros sen tratar á Ría de Vigo, con graves repercusións ambientais. Como consecuencia diso, a praia de Samil presentou altos índices de bacterias coliformes, así como a presenza de metais pesados nas augas da ría. A nova macrodepuradora completaría a destrución irreversible da Xunqueira e dos seus valores naturais, ocuparía territorio e propiedades de maneira innecesaria e inútil e seguiría afectando á saúde e a calidade de vida dos veciños, deseñada de costas á cidadanía e sen ter en conta a normativa que garante a participación cidadá en asuntos ambientais.