Verdegaia, en colaboración coa asociación de comerciantes da Praza de Abastos de Compostela, dá comezo este sábado 26 de Setembro a un novo ciclo de Feiras de Troco que se desenvolverán todos os últimos sábados de cada mes no recinto da Praza de Abastos. Esta actividade enmárcase dentro da campaña permanente de Verdegaia: Consomes ou Devoras? e retoma unha actividade que xa se realizou con grande éxito nesta cidade.

A temática do troco será libre, é dicir, pódense achegar aqueles obxecto que estean en bo estado, pero que xa non son útiles, para buscarlles un novo dono/a, nun espazo de mercado non capitalista e de consumo responsábel.

O troco comezará ás 11:30 da mañá. Ata as 13 horas, acollerase o material: a xente pode traer un máximo de 6 obxectos por persoa que quedarán en exposición. Entre as 13:00 horas e as 13:30 horas, as persoas poderán decidir que é o que máis lles interesa dos obxectos expostos e adquirilo. Para iso ponse en marcha un sistema de vales: cada obxecto equivale a un Vale, que á súa vez se poderá trocar por outro obxecto.

En calquera caso, dado que o que se pretende é propiciar un espazo libre de intercambio, tamén se aceptará o troco bilateral entre os/as asistentes, se así se dá a ocasión.

Tamén dentro da campaña Consomes ou Devoras? Verdegaia Compostela ten programado habilitar, ao longo deste ano, unha páxina web de troco (ComposTroca), homóloga das xa senlleiras VigoTroca ou FerrolTroca, que a asociación ten noutras cidades e para a que se tentará sumar esforzos doutras asociacións ou grupos da cidade que traballan no eido do consumo responsábel. Son espazos para o troco bilateral que se complementan co sistema de rúa que se reinagura este sábado.

O troco é un sistema de mercado no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda e que diminúe as diferenzas sociais á hora de consumir. Require unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos, diminúe a produción de residuos posto que aquilo que xa non é útil para unha persoa, si pode selo para outra. Diminúe o impacto do transporte posto que pode pasar dunhas mans a outras dentro da mesma cidade, neste senso tamén é un xeito de achegar ás persoas, creando sinerxias. Pon en cuestión o valor actual dos cartos e amosa un xeito á marxe do capitalismo para consumir.