Apoia a manifestación convocada para este xoves día 14 ás 12, diante dos edificios administrativos da Xunta en San Caetano, baixo o lema “Non ao Viaduto na Nosa Ría. Non á Variante de Outes”.

O Proxecto incluido no Plano Galicia, estrada C-550 Cee-Tui. Tramo: Muros-Noia, subtramo: límite municipal de Muros con Outes-Noia , prevé a construción dun viaduto de 700 m que atravesaría o L.I.C “Esteiro do Tambre”, incluído na Rede Natura e declarado pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

A súa materialización implicaría gravísimas afeccións ao espazo natural e ás súas augas, segundo recolle un informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños (Consellaría de Pesca). Este informe sinala — (…) vai afectar a calidade das augas o que pode ocasionar afeccións aos recursos existentes, augas abaixo na ría de Noia”( …) Pódese producir unha elevación dos niveis de turbidez e sólidos disoltos nas augas (…) Ademais as operacións de formigonado poden provocar a elevación dos niveis de pH que impliquen a mortalidade da fauna piscícola existente”

esteiro_tambre.jpgO ridículo aforro en distancia e tempo (2´5 km e aproximadamente 5 minutos de traxecto) non xustifican de ningunha maneira unha obra con este impacto ambiental (e orzamentario, cun custo de 18 millóns de €) máis aínda cando a Lei de Costas vixente, no seu título II sinala que —”con carácter xeral están prohibidas na zona de servidume de proteción, entre outras actividades ou instalacións, a construción ou modificación de vías de transporte interurbano, aínda que excepcionalmente e por razóns de utilidade pública debidamente acreditadas, o Consello de Ministros poderá autorizar a construción e modificación de devanditas vías de transporte”.

Non só non se pode calificar esta obra de utilidade pública senón que cómpre definila como de destructiva xa que a súa saída afecta ás aldeas de Rates, Mellán, Leiras Grandes, Poza, Canteiriña, Bendimón e Catasueiro, arrasando hortas e terras de cultivo e irrumpindo entre as casas.

Fica reiteradamente comprobado que a construción de infraestruturas de transporte xera un aumento automático do tráfico rodado inducido pola axilidade inicial da circulación. Esta fluidez vese pronto freada polo incremento do tráfico, anulando nun período curto de tempo as supostas vantaxes da infraestructura e convertendo os novos viais en fonte de atascos. Exemplos destes feitos hainos abondosos en Galiza: Via rápida do Barbanza, Vía Rápida do Salnés, Circunvalación de Santiago, etc.

A sustentabilidade esixe un cambio radical na óptica coa que se enfronta a mobilidade de persoas e mercadorías, aplicando criterios ecolóxicos e de sustentabilidade na súa xestión e apostando decididamente por políticas públicas de creación de cercanía que faciliten o emprego dos modos de transporte máis ecolóxicos, camiñar e a bicicleta, e pola xestión da mobilidade a través de redes de transporte público colectivo, medidas aplicadas conxuntamente con outras que desincentiven drásticamente o emprego do automóbil privado. Optimizar o uso das infraestruturas vixentes mediante os distintos modos de transporte permite evitar infraestruturas tan innecesarias como o proposto viaduto de Outes.