O apagón "Fronte ao cambio climático: actúa xa" é unha iniciativa cidadá convocada por 152 organizacións e entidades de todo o Estado español, entre elas Verdegaia. Celebrarase mañán 15 de novembro, de 20:00 a 20:05 h, e o seu obxectivo é sensibilizar sobre a necesidade de adoptar medidas urxentes perante a ameaza do cambio climático. Verdegaia demanda accións para reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) desde Galicia, que aumentaron un 30% entre 1990 e 2004.
De non comezarmos a reducir a nivel mundial as emisións de GEI, nos próximos 10-15 anos, é moi probable que aconteza un cambio climático de alcance catastrófico. A responsabilidade principal corresponde aos países máis desenvolvidos, aqueles que, como Galicia, presentan as emisións por habitante máis elevadas. O apagón de mañán pretende alertar sobre esta realidade, coincidindo coa reunión do Grupo de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC) que decorre en Valencia durante esta semana.
Verdegaia chama a toda a cidadanía galega a participar activamente no apagón, como xeito de expresar a súa preocupación polo cambio climático e de demandar das institucións do noso país unha resposta política á altura da dimensión e da urxencia do desafío. Non pode demorarse máis o Plano Galego de Redución das Emisións de GEI, cuxa presentación ten sido sucesivamente atrasada pola Xunta, na última ocasión até comezos do 2008. Os eixos principais deste Plano deberían ser a redución drástica das emisións das centrais térmicas, o aforro enerxético, as renovables e o potenciamento dos modos de transporte non motorizado e do tren en detrimento do coche e do camión.
Aínda que é imprescindible o compromiso de toda a sociedade na loita contra o cambio climático, son os poderes públicos e as grandes empresas os que teñen maiores responsabilidades. Neste senso, é preciso salientar que, en 2004, tan só dúas empresas, as eléctricas ENDESA e UNIÓN FENOSA, foron responsables de máis dun 40 % das emisións de GEI desde Galicia. É que son estas empresas, con moita diferenza, os axentes que máis poderían contribuír a reducir as emisións galegas nestes momentos. Porén, a escasa eficacia ambiental do Plan Nacional de Asignación de Dereitos de Emisión 2005-2008, só ten conseguido que, entre 2004 e 2006, as emisións de dióxido de carbono (CO2) das centrais térmicas das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA) diminuísen nun 16%, sendo un 30% superiores ás asignadas gratuitamente.