O reorganización ministerial realizada polo presidente Zapatero hai uns meses na que finiquitou o Ministerio de Medio Ambiente, e a correspondente Ministra, para crear un macro-ministerio co nome Medio Ambiente y Medio Rural y Marino ten efectos colaterais graves e un deles é a desaparición da Unidade de Educación Ambiental, auténtico referente nacional e internacional en EA. Organizacións de Educación Ambiental de todo o estado veñen de presentar un Manifesto na que denuncian esta desaparición.

Desde hai máis de 30 anos, a Educación Ambiental foi considerada como unha ferramenta estratéxica nas políticas ambientais. Así o entenderon os diferentes organismos internacionais e os sucesivos gobernos españois, que participaron en innumerables reunións sectoriais de ámbito internacional, organizaron congresos e xeraron plans, programas e recursos para impulsar este eido. O MMA, agora MIMARM, incluso, impulsou procesos interautonómicos que desembocaron na publicación do Libro Blanco de la Educación Ambiental en España (MMA, 1999). O MIMARM é, ademais, un referente da EA en España xa que xestiona o CENEAM: Centro Nacional de Educación Ambiental. O Goberno español asinou numerosos tratados e convenios internacionais e europeos que o obrigan e comprometen a utilizar as ferramentas sociais no cumprimento dos seus obxectivos: Convenio de Aarhus, Convenio para a Conservación da Diversidade Biolóxica, Convenio de Ramsar para a Conservación das Zonas Húmidas, Convenio de Estocolmo, Directiva Marco de Aguas ou o Protocolo de Quioto, entre outros.

 

A pesar disto, aínda queda un longo camiño por percorrer, xa que ata agora a utilización de ferramentas sociais na solución de problemas ambientais, realizouse de xeito tímido, deficiente e pouco sistemático. Pódese afirmar que existe unha relación inversa entre a relevancia que se lle concede á Educación Ambiental nas políticas de resposta á problemática ambiental e os recursos humanos, económicos e técnicos que realmente se destinan á súa posta en práctica. Porén, a Educación Ambiental é unha realidade e posúe un alto capital político e social grazas ao esforzo de Organismos como la UICN, o Convenio de Ramsar, Europarc, as asociacións autonómicas e estatais de educadores e educadoras ambientais, as organizacións ecoloxistas, os colectivos de renovación pedagóxica, a interpretación do patrimonio, as fundacións e os profesionais de empresas privadas e organismos públicos (incluído personal do MIMARM). De feito, o impulso dado polo Libro Blanco de la Educación Ambiental e as distintas estratexias autonómicas de Educación Ambiental nos primeiros anos desta década permitían afrontar o futuro cun moderado optimismo. Unha parte importante desa mudanza de paradigma e novo horizonte na xestión educativa dos problemas ambientais, débese en boa parte ao labor da Unidade de Educación Ambiental do antigo MMA e actual MIMARM, auténtico referente nacional e internacional en EA e hoxe desaparecida do organigrama.

Consideramos por todo isto a desaparición da unidade de Educación Ambiental do agora Ministerio de Medio Ambiente y Rural y Marino como un grave erro político e a última evidencia dun proceso encuberto para pechar vías aos instrumentos sociais, á participación pública e, en definitiva, á profundización democrática na resolución da crise ambiental.

En consecuencia, as organizacións e entidades, que asinan abaixo MANIFESTAMOS:

* Que todos os problemas ambientais do pasado e do presente século teñen a súa base en problemas sociais, polo que resulta absurdo e insensato pretender que se poden resolver ou xestionar prescindindo do uso de ferramentas e instrumentos sociais.

* Que estes instrumentos sociais (a educación, a comunicación e a participación social), concebidos como procesos permanentes para a creación de espazos de aprendizaxe, son as pontes entre a Administración e a sociedade, e elementos extraordinariamente útiles, tanto para o desenvolvemento das políticas dos diversos departamentos, como para as relacións cos diferentes actores sociais.

* Que nunca como nestes momentos resulta máis trascendente e preciso fortalecer e potenciar todos os camiños posibles cara aos instrumentos sociais, e a Educación Ambiental, nos seus máis de trinta anos de existencia, demostrou ser, sen dúbida, unha das súas ferramentas máis eficaces e máis eficientes en relación aos limitados recursos investidos nela.

Que pretender limitar o eido de actuación da Educación Ambiental ao ámbito educativo formal é un reducionismo absurdo e irreal que, ademais, vai en contra do espírito da Lei Orgánica de Educación (2006) aprobada polo seu propio goberno.

E REIVINDICAMOS:

* Que o Ministerio de Medio Ambiente y Rural y Marino deixe de actuar en contra da súa responsabilidade política e das tendencias internacionaise de toda lóxica social e ambiental (a todos os niveis e en todos os ámbitos), asumindo e potenciando as súas competencias reais en Educación Ambiental, tal e como se comprometeu a asumir a través do Libro Blanco de la Educación Ambiental en España e de todas as convencións e acordos internacionais da súa competencia aos que o Estado español se adheriu.

* Que de acordo co anterior, rehabilite a unidade de Educación Ambiental dentro do Ministerio de Medio Ambiente y Rural y Marino, outorgándolle un maior rango institucional e dotándoa de maiores competencias e recursos, acordes coa relevancia e trascendencia das responsabilidades que debe desenvolver e os procesos que debe impulsar e en función da súa necesaria transversalidade en todas as políticas socioambientais.

* A continuidade e potenciación de todos aqueles seminarios, procesos e estratexias de comunicación, educación e participación pública (no ámbito interautonómico e estatal) actualmente paralizados e nos que os instrumentos sociais, resumidos conceptualmente como Educación Ambiental, foron dinamizadores, catalizadores e elementos definitorios.

O cumrpimento dos numerosos tratados e convenios internacionais ratificados polo Estado que inclúen de xeito explícito o uso das ferramentas sociais para a súa implementación.

* A inclusión das organizacións e entidades de Educación Ambiental (representadas estatalmente pola Federación de Entidades de EA) entre os axentes sociais presentes no Consello Asesor de Medio Ambiente.

* A convocatoria e celebración urxente dun congreso nacional de Educación Ambiental, contando coa participación de todos os actores das administracións públicas do Estado (central, autonómicas e locais) e da sociedade civil para debater, reforzar e potenciar estratexicamente os instrumentos socioeducativos no marco das políticas de resposta á crise ambiental e aos obxectivos de construír unha sociedade sostible (as últimas datan de 1998).

Ver as entidades asinantes