O domingo 28 realizarase o primeiro roteiro, desta volta pola costa sur de Vigo
Galicia dispón dunha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparable ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade: encoros, autoestradas, explotacións mineiras, etc. Co doble obxectivo de coñecer o noso territorio e denunciar moitas das desfeitas que están a degradalo, Verdegaia pon en marcha unha nova edición, a quinta, do seu programa “Vai de roteiros!”.
Deste xeito, o vindeiro domingo 28 de outubro, Verdegaia organizará un roteiro pola costa sur de Vigo. Quedaremos ás 10:00 h. na porta do polideportivo de Samil (San Paio de Navia) punto ó que voltaremos arredor de catro horas máis tarde, tras percorrer primeiro a Xunqueira do Lagares (Coruxo) e logo os areais dende a praia da Calzoa até a de Fuchiños (San Miguel de Oia); remataremos sobre as 14:00 h. sendo o roteiro de dificultade baixa.
Entre os valores naturais que alberga o treito litoral que visitaremos salientan diferentes ecosistemas como as xunqueiras, os bosques de ribeira, os areais, as dunas, os rochedos litorais,… No tocante ás especies de seres vivos que poderemos observar hai unha boa representación de flora litoral característica (xuncos, carrascas de San Xoán, paxariños amarelos, trebo de duna, herba de namorar, etc), interesantes e ricas zonas intermareais, así como unha variada comunidade de aves típicas de zonas costeiras (corvo mariño cristado e real, virapedras, garza cincenta, picapeixe, carrán cristado, etc).
Entre as desfeitas ambientais que afectan este espazo natural salientan a depuradora do Lagares e o seu proxecto de ampliación que traerá consigo un gravísimo impacto ambiental para a Xunqueira do Lagares coa previsible extinción local de hábitats catalogados como de conservación prioritaria pola Directiva Hábitats da U.E. como é o caso do bosque de ribeira da Carrasqueira (Coruxo), o único das súas características existente na actualidade no concello de Vigo. Outros impactos que se observarán son a ocupación urbanística no litoral, o lixo, a contaminación fluvial,…
Para o roteiro dovindeiro domingo 28 é imprescindible non esquecer calzado e roupa axeitados e prismáticos se se dispón deles; se se desexa xantar na praia ó remate tamén se pode traer comida.
En termos máis xerais, no programa “Vai de roteiros!” cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsable da organización e realización dun roteiro no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de lecer máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.
Espazos litorais como a foz do Miñor ou a ría do Barqueiro; treitos fluviais como as ribeiras do río Mero ou as ribeiras do Louro; e serras como as do Candán ou a Capelada serán o marco natural no que poder observar a fauna, a flora, as formacións xeolóxicas ou os vestixios dunha cultura, a labrega, que no seu momento respectou os ciclos da natureza. Do mesmo xeito, será difícil non ver a ocupación urbanística no litoral, ou os impactos das infraestruturas hidráulicas nos ríos e das canteiras nas serras, entre outras mostras do actual modelo de “progreso”…
Como novidades desta quinta edición do programa, no mes de maio realizaremos un roteiro mariño en embarcacións tradicionais pola ría de Arousa e o último roteiro terá un destino sorpresa; deste xeito, as persoas que se animen a participar nel non saberán cara onde se dirixirá o autobús que as levará á paraxe que coñecerán durante a terceira fin de semán de xuño: toda unha aventura ecoloxista!
Os roteiros serán anunciados coa suficiente antelación na nosa páxina web (www.verdegaia.org), na que poderedes atopar tamén información máis detallada sobre cada un deles (desprazamentos, lonxitude, dificultade, etc.).
Programa 2012-2013
- Outubro: Costa Sur de Vigo
- Novembro: Serra do Candán
- Decembro: O Barqueiro e Vares
- Xaneiro: Ribeiras do Louro
- Febreiro: Río Mero
- Marzo: Ramallosa e Devesa da Costa
- Abril: Serra da Capelada
- Maio: Ría de Arousa en embarcacións tradicionais ou río Toxa
- Xuño: Roteiro sorpresa