O domingo 16 realizarase o primeiro roteiro, desta volta polo río Fondón
Deste xeito, o vindeiro domingo 16 de outubro, Verdegaia e a asociación cultural Alén Nós organizarán un roteiro polo río Fondón e o Monte Penide. Quedaremos ás 11:00 h. na Igrexa de Trasmañó punto ó que volveremos arredor de cinco horas máis tarde, tras percorrer primeiro o río Fondón ata as brañas do seu nacemento e logo todo o complexo megalítico de Monte Penide; remataremos sobre as 16:00 h. sendo o roteiro de dificultade media.
@s asistentes ó roteiro poderán coñecer os principais ecosistemas deste valioso espazo natural así como a súa flora e fauna. Salientan os bosques de ribeira e especies como a saramaganta (Chioglossa lusitanica), e tamén pola parte patrimonial sobresaen a asombrosa cantidade de muíños, mámoas e petróglifos na contorna de Monte Penide cara ó Vixiador e as asombrosas vistas dende os numerosos petróglifos e dende o Castro de Negros. Tamén falaremos das dificultades para a conservación deste espazo e dos principais problemas e impactos ós que ten que facer fronte: vertidos, aterros ilegais, especies invasoras, etc.
Para o roteiro do vindeiro domingo é inprescindíbel no esquecer calzado axeitado e a comida que tomaremos na zona do Castro de Negros. Se queredes compartir coche ou ir en transporte público cómpre facelo saber para poder recoller e xestionar a toda a xente que o poida precisar.
En termos máis xerais, no programa “Vai de roteiros!” cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsábel da organización e realización dun roteiro no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.
Programa 2011-2012
- Outubro 2011: río Fondón (Nc de Vigo).
- Novembro 2011: curso alto do río Sor (Nc de Ferrol).
- Decembro 2011: río Arnoia (Nc de Ourense).
- Xaneiro 2012: Pico Sacro (Nc de Compostela).
- Febreiro 2012: enseada de San Simón (Nc de Vigo).
- Marzo 2012: lagoa e areal de Valdoviño (Nc de Ferrol).
- Abril 2012: río Toxa (Nc de Compostela).
- Maio 2012: Santa Cristina de Ribas de Sil (Nc de Ourense).
- Xuño 2012: serra do Cando (Nc de Pontevedra).
Para máis información:
- Información sobre o programa “Vai de roteiros!”: Diego R. Vieites (670 784 919), Secretario Xeral e Responsable da Área de Biodiversidade de Verdegaia.
- Información sobre o roteiro do 16-10-11: Roi Seoage (661 240 605), vicecoordenador do Núcleo Comarcal de Verdegaia en Vigo.