RECICLAXE E COMPOSTAXE XA

sogamaO plan autonómico de SOGAMA baseado na incineración demostrou todos estes anos pasados que foi un absoluto fracaso, concentrando a maioría do lixo xenerado en Galicia nunha soa planta de tratamento en Cerceda (A Coruña), contaminando, xenerando máis vertedeiros incontrolados nas súas inmediacións, e sacando un rendemento económico moi baixo, na actualidade máis acusado polos baixos prezos da electricidade, o único e suposto beneficio trala queima e combustión dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU).

A incineración, por engadido, é un tratamento finalista que elimina materia prima que se pode reaproveitar e reciclar.

A mediados da década dos anos noventa do século pasado a mancomunidade de concellos do Morrazo diseñou un plan e unha planta comarcal de tratamento de RSU baseados na reciclaxe e a compostaxe pioneiros a nivel galego pero posteriormente foi modificado por unha planta de transferencia que trasladara os RSU xenerados no Morrazo até as instalacións da planta incineradora de Cerceda a traveso dun contrato con SOGAMA.

Deste xeito pasouse dun modelo máis ecolóxico e cun tratamento no seo da comarca a outro contaminante e cun tratamento fóra dela, co gasto enerxético e económico engadido polo transporte do lixo lonxe da comarca.

Por outra parte a planta comarcal de RSU ubicada na Portela, sempre tivo unha serie de carencias e fallos no seu funcionamento, con verquidos de lixiviados ao exterior das instalacións e acumulación doutros residuos tanto dentro como nos arredores das mesmas, mesmo dentro da nave destinada inicialmente á compostaxe, inoperativa para o seu cometido desde o principio e utilizada a cambio como un vertedeiro, feitos denunciados administrativa e públicamente varias veces por Luita Verde, a última vez en maio deste ano.

Agora que a Mancomunidade de Concellos do Morrazo vai rescindir o contrato que tiña asignado con SOGAMA a costa das débedas contraídas é a oportunidade para retomar o plan da reciclaxe e a compostaxe a nivel comarcal e os concellos de Moaña, Cangas e Bueu deberían esixir o compromiso feito pola Xunta de Galicia en xaneiro do 2011 coa dotación dunha partida orzamentaria de 2,4 millóns de euros prevista no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2020 para a mellora das instalacións comarcais e a posta en funcionamento da planta de compostaxe.

O que non tería sentido sería que agora os concellos por separado asinaran outro contrato con SOGAMA mentras esta siga primando un plan centralizado e baseado na contaminante e cara incineración.

Luita Verde, ao igual que o resto do movemento ecoloxista galego, avoga por un PXRUG descentralizado, con plantas de tratamento comarcais e baseado nos 3R (Reducción, Reutilización e Reciclaxe) e lembra que a principios deste ano validáronse máis de 20.000 sinaturas a nivel galego en favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de Proposición de Lei para “a aplicación efectiva dos principios da redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galicia” presentadas por varios colectivos sociais e ambientais galegos, incluída a Federación Ecoloxista Galega, organización na que asi mesmo está integrada Luita Verde.