Verdegaia apoia as Normas do Hábitat Galego da Consellería de Vivenda e Solo porque promoven a eficiencia no uso dos recursos naturais ao tempo que melloran a nosa calidade de vida. A aplicación destas normas fomentará o aforro enerxético, o uso eficiente da auga, a reciclaxe e a conservación da paisaxe. Xunto co Código Técnico da Edificación (CTE) de ámbito estatal que entrou recentemente en vigor, as normas do hábitat galego representan un importante contributo para mellorar a habitabilidade e a ecoeficiencia das vivendas, aspectos descoidados até hoxe. 

As esixencias que incorporan as avanzadas Normas do Hábitat Galego implican melloras importantes no uso eficiente da enerxía e da auga, o que non só revertirá positivamente no medio ambiente a escala local e global, senón tamén nun aforro monetario a longo prazo para veciños e veciñas, máis aínda se temos en conta que os prezos da enerxía e da auga serán, sen dúbida, ben maiores no futuro. Asemade, as normas favorecen a reciclaxe dos residuos, contribuíndo tamén deste xeito á eficiencia no uso dos recursos naturais e ao combate de problemas como o cambio climático.

Entre os aspectos positivos das Normas do  Hábitat Galego que coidamos deben ser destacados figuran os de que toda vivenda sexa exterior e deba ter iluminación natural; a protección da calidade do aire interior;  a obrigatoriedade da existencia dun patio tendal para secar a roupa; a previsión de espazos axeitados para o  almacenamento separativo de lixos para reciclaxe; a obrigatoriedade de que os cuartos de aseo e baño incorporen accesorios que fomenten o aforro no consumo de auga e dispoñan de recolla independente das augas grises para a súa posterior reutilización; ou as disposicións para a integración dos edificios na paisaxe. No caso particular das vivendas unifamilariares illadas, refórzanse as esixencias en materia de illamento térmico da envolvente e de subministro de auga quente con enerxías renovables estabelecidas no CTE e obrígase a reservar un espazo de 4 m2 na parcela onde se constrúa a casa para a compostaxe caseira ou reciclaxe da materia orgánica do lixo.

Verdegaia felicita publicamente á Consellería de Vivenda e Solo por estas normas e agarda que vele polo seu cumprimento adecuado.  Parécennos lamentables as reaccións que están a suscitar entre o Partido Popular, promotores inmobiliarios e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Coa súa oposición á próxima entrada en vigor das Normas do Hábitat Galego, que se deberían ter promulgado hai xa moito tempo, están demostrando canto lles importan os dereitos da cidadanía a unha vivenda e a un medio ambiente de calidade e o progreso cara a sustentabilidade.