O Movimento ecoloxista e o Sector do Mar organizan a Manifestación en Defensa do Mar o domingo 21 de xaneiro, ás 12h. na alameda de Compostela e remate na Praza do Obradoiro

Fronte á situación creada pola chegada masiva de materiais plásticos ás costas galegas e diante dos potenciais riscos para a saúde, o medio ambiente, os colectivos asinantes queremos en primeiro lugar denunciar a tardanza e o desleixo das administracións en facer fronte a ésta ameaza.

Novamente, como xa acontecera na catástrofe do Prestige, tiveron que ser os colectivos cidadás e as persoas voluntarias as que, en ausencia das institucións, saímos ás praias a loitar contra esta marea plástica.

Denunciamos tamén a impunidade con que milleiros de toneladas de materiais tóxicos circulan todos os anos diante das costas galegas e a práctica indefensión do noso litoral fronte aos riscos derivados deste tráfico.

Reclamamos á Xunta de Galicia e ao Estado Español unha mínima coordenación para facer fronte ás consecuencias desta vertedura e unha maior transparencia na información ao público de como se usan os medios aéreos, marítimos e as imaxes satelitais e de oceanografía operacional, no control do tráfico e seguimento dos vertidos e medidas de intervención no mar para evitar que cheguen as verteduras ás nosas costas.

Reclamamos tamén transparencia na información ao público sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños.

Reclamamos se subministre ao voluntariado os medios de protección axeitados aos perigos do material que manipulan e os contedores específicos para a súa recollida.

En defensa do noso mar, mentiras e incompetencia NUNCA MÁIS.

É xeral a situación de grande debilidade dos bivalvos e a forte mortandade ocasionada por unha confluencia simultánea de factores como: subida de temperatura, debilitamento do afloramento coa consecuencia de menos placton -alimento- e menor renovación das augas das rías e por tanto un maior impacto da contaminación e das baixadas de salinidade ocasionadas pola falta de regulación dos encoros.

  • Despois de levar anos reclamándolle á Administración que se realice un estudo interdisciplinar independente que nos permita un diagnóstico integral da situación.
  • Despois de levar anos reclamándolle á Administración un Plan serio de rexeneración dotado economicamente.
  • Diante do silencio e a pasividade da Administración que ten todas as competencias, a Consellería do Mar, que deixou apodrecer a situación sen tomar medidas.
  • Diante da falta de solucións aos nosos problemas e ao abandono dos mariscadores e mariscadoras que quedan sen traballo e sen poder facer fronte ás necesidades das súas familias. E as confrarías afectadas quedan sen entradas económicas que lles permitan manterse.

Demandamos que a Xunta actúe xa, publicando no DOGA un plan urxente de actuación que inclúa:

  • 1.- Estudo interdisciplinar, independente e integral.
  • 2.- Plan de rexeneración dotado economicamente.
  • 3.- Regulación e publicidade do protocolo de desencoros.
  • 4.- Cobertura económica a TODO o sector do mar -mariñeiros, mariscadoras e confrarías- mentres se manteña o cese de actividade.
  • 5.- Un plan de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos.
  • 6.- Control sanitario das importacións de marisco.

Súmate a participar nos buses que se organizan desde varias localidade para asistir á manifestación. O domingo 21 non quedes na casa. Se non tes tren, vente connosco a berrar outra vez Nunca Máis nas rúas de Compostela. Formulario inscrición

Reunión en Carril do movemento ecoloxista, sector do mar e organización sociais en Defensa do Mar o 9 de xaneiro de 2024