A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, da que fai parte Verdegaia, convoca unha manifestación co lema “Por un aire puro, sen arsénico nin cianuro: NON Á MINA DE CORCOESTO” o vindeiro domingo en Carballo. A manifestación partirá ás 12 da mañá do 14 de abril do aparcamento do Haley desa localidade. Corcoesto 14 de abril

Verdegaia anima as persoas socias e a toda a sociedade en xeral a secundala, mostrando así a oposición a un proxecto que, ademais do enorme impacto medioambiental que xeraría, suporía un impacto socioeconómico moi negativo para Corcoesto e para toda a comarca de Bergantiños, tal como alertan especialistas de distintos campos. 

Non é viable un proxecto que para crear un feixe de postos de traballo por un tempo limitado ameace gravemente un número de empregos sostibles moito maior, provoque tanta destrución e poña en risco a saúde das persoas, a biodiversidade e o ambiente. A economía da comarca e do noso país debe ir noutra dirección, a da sustentabilidade.

Este proxecto non é un problema de Corcoesto ou de Bergantiños. É un problema que afecta a toda Galiza. O proxecto de Corcoesto é só a punta de lanza dunha inmensa desfeita programada de norte a sur: a chamada veta Malpica-Tui.

Verdegaia considera que é preciso mobilizarse agora para deter esa desfeita no seu inicio. Non queremos empresas apoiadas con fondos de investimento alleos a Galiza leven a súa riqueza e nos deixen pobreza, contaminación e destrución.

Agardámosvos o vindeiro domingo en Carballo, na defensa do territorio.