Verdegaia quere facer, dende a nosa modesta posición, un chamamento para a participación na folga xeral do vindeiro día 14 de novembro. Non parece preciso estendernos agora debullando razóns que apoien este posicionamento, pois seguen a ter vixencia, mesmo con máis forza, as expresadas ante as anteriores folgas xerais. Ademais, existen multitude de textos que argumentan a necesidade desta mobilización.
Porén, quixeramos facer algunhas reflexións que dende a nosa perspectiva vencellada ao ecoloxismo social coidamos que poden ser pertinentes. A crise que está a desenvolverse no Estado español, xunto a outros estados europeos, non é unha crise casual, circunstancial, nin exclusivamente económica. Esta crise tampouco é única do ámbito europeo, nin afecta só ao presente. Precisaremos agora un chisco estas afirmacións, sen pretender unha análise pechada, só achegar algún elemento a tomar en consideración.
Que as crises son consubstanciais ao capitalismo é unha afirmación vella, pero que esas son sempre crises de crecemento é tamén un argumento tradicional. Podería facerse a analoxía cos momentos nos que as meniñas e meniños enferman ao medrar o seu propio corpo. Perante este tipo de posturas poderiámonos preguntar polo tipo de relacións existentes entre crecemento e crise, polas características e consecuencias dese crecemento e polos danos causados tanto nos períodos de crise como nos de crecemento. Para dar resposta a estas preguntas podemos facer unha revisión da realidade baseada só en criterios macroeconómicos e centrada en determinadas sociedades, ou mesmo en segmentos desas sociedades. Así sería fácil concluír que o PIB de tal país, ou a renda de tal poboación, é hoxe maior que nunca e quizais acubillar a esperanza de que crises como a actual sexan transos, duros pero precisos, cara tempos futuros de aínda maior bonanza.
Pero que ocorre se ao facermos esas análises empregamos outros criterios: ampliamos o foco ás distintas sociedades do planeta que viven baixo as condicións fixadas polo capitalismo global e os seus xestores; facemos unha revisión con perspectiva subalterna, partindo da situación das persoas máis empobrecidas, das marxinadas do sistema, das negadas nas grandes cifras económicas; temos en conta o xénero; incluímos entre os nosos obxectivos estudar a nosa relación co medio, a nosa influenza na natureza e as posibilidades de futuro dos ecosistemas.
Pode suceder que o resultado destas análises sexa que o funcionamento do capitalismo está a ampliar as desigualdades entre as persoas e os pobos, a dexenerar dun xeito acelerado equilibrios naturais imprescindibles para o mantemento da biodiversidade, da vida nas súas diferentes manifestacións. A cuestionar, en fin, a viabilidade das nosas sociedades e o noso medio natural nun futuro non moi lonxano.
Tampouco queremos con isto facer un discurso panfletario e maniqueo. As desigualdades xa existían antes do capitalismo e as relacións do ser humano co seu medio, baseadas na lóxica do aproveitamento, son sempre conflitivas e delicadas. Pero si queremos chamar a atención sobre que o presente capitalismo industrial globalizado segue unha lóxica fortemente antisocial e ecoloxicamente insostible, a da constante maximización dos beneficios baseada en actividades que consumen gran cantidade de recursos naturais e xeran un enorme volume de residuos. En ambos aspectos a capacidade da natureza para rexenerarse é inferior aos efectos negativos da actividade humana.
É certo que a crise actual ten extremado os aspectos máis perniciosos do sistema, pero non hai que esquecer que os anos anteriores, os da burbulla inmobiliaria, foron os que asentaron as causas da situación presente, ademais de causar un dano terrible na natureza en forma de presión urbanística ou emisións de gases a atmósfera. Tampouco podemos deixar de sinalar que mesmo nos anos máis expansivos a nivel macroeconómico, no Estado español a cifra de persoas baixo o limiar da pobreza non baixaba dos oito millóns, ou que os salarios veñen perdendo poder adquisitivo dende fai máis de quince anos, contrastando co crecemento dos beneficios empresariais. Do mesmo xeito, os desafiuzamentos, que mostran hoxe a súa cara máis terrible, derivan duns regulamentos hipotecarios preexistentes e o problema da vivenda non comeza nin remata nesta cuestión, senón que ten maior amplitude e significado máis fondo.
Por todo o dito até agora, o noso rexeitamento ás medidas levadas adiante tanto a nivel galego como estatal polos gobernos do PP ou do PSOE é total. Realmente actúan como axentes desafiúzadores dos pobos ao servizo dos grandes intereses empresariais e financeiros, expulsando a milleiros de persoas ás marxes da sociedade para tapar os buratos nos balances orzamentarios de bancos e grandes compañías. A Unión Europea está a xogar un penoso rol en toda esta situación, xerando o marco de medo e ameazas preciso para os gobernos xustificaren as súas medidas.
Tampouco a situación da natureza está exenta de novas ameazas e se por unha banda é certo que a diminución da actividade económica ten relaxado certas presións, tamén o é que existe a tendencia a xustificar na situación de crise a eliminación de certas regulamentación e límites. Así sucede coa reforma estatal da lei de costas ou as medidas da Xunta que permiten instalar plantas acuícolas ou explotacións mineiras en rede natura e/ou degradando contornas rurais.
Así é que de Verdegaia apoiamos as mobilizacións, pero non podemos ficar nun mero apoio á folga xeral tal como a entenden algunha das súas organizacións convocantes. Para nós é necesario rexeitar dun modo claro ao capitalismo e denunciar aos seus xestores, económicos ou políticos, que están a demostrar que son quen de pasar por riba de demasiados obstáculos para manter o principio da maximización dos beneficios. Eses obstáculos son os nosos dereitos sociais e civís, a conservación da natureza e as posibilidades de vida das vindeiras xeracións. Para saír da verdadeira crise que ameaza ás diferentes sociedades do mundo e ao medio natural é preciso un novo xeito de afrontar as relacións entre os seres humanos e entre estes e a natureza, que inclúa como aspectos irrenunciables e referenciais o mantemento da biodiversidade, da que tamén formamos parte, a satisfacción das necesidades básicas para toda a humanidade, a posta en valor real dos aspectos verdadeiramente importantes como os coidados e polo tanto unha revisión en clave de xénero que supere dunha vez por todas ao patriarcado.
É moito pedir para unha folga xeral, pero para que outra cousa se non debería valer esta folga que non fose ser un chanzo nese camiño?