MANIFESTO E SOLICITUDE ÁS ADMINISTRACIÓNS COMPETENTES PARA EVITAR A IMPLANTACIÓN DUNHA VITICULTURA INTENSIVA AGRESIVA CO AMBIENTE NO VAL DO RÍO ULLA

Veciñanza afectada pola subzona Ribeira do Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas, reúnses na Plataforma veciñal “Si a un Rural Vivo” ante a problemática ambiental que que supón a alarmante transformación do val no que grande superficie forestal, do mosaico agropecuario e dos terrenos que
rodean as casas estanse convertendo en explotacións intensivas de viñedo con prácticas
moi lesivas para a saúde e o ambiente.

A veciñanza vese indefensa ante esta transformación, no que capitais externos con axudas
públicas perseguen sacar o máximo rendemento económico da nosa terra. Contrasta ver como
proxectos moito máis irrelevantes sométense a procedementos de avaliación ambiental con
participación pública e neste caso só asistimos a feitos consumados.

Os efectos desta transformación xa se empezan a sentir e se intensificarán no futuro coa posta
en explotación destes cultivos, en particular polos seguintes motivos:

  • Perda de masas forestais, con intensificación dos efectos cambio climático
  • Contaminación por produtos fitosanitarios
  • Outras afeccións dos cultivos intensivos de vide

Transformacións realizadas no val: Nas transformacións realizadas ou se están levando a cabo nin se respectan nin se adoptaron medidas as zonas con risco de erosión, nin as zonas de servidume dos cursos fluviais, as masas de bosque con función protectora ou as masas autóctonas nin, o que se considera especialmente grave, as proximidades dos núcleos rurais e das vivendas. Tampouco de adoptaron medidas para previr os posibles efectos ambientais negativos. Mesmo se cortaron pequenas carballeiras próximas ás casas que poderían actuar como zona tampón, axudando a filtrar as partículas de funxicida do aire. Débese ter en conta ademais que a topografía do val fai que a renovación do aire estea máis limitada que noutras zonas, con frecuentes episodios de inversión térmica, o que agrava o problema da contaminación do aire por fitosanitarios.

A contaminación das augas polo uso intensivo de fitosanitarios afectará non só aos pozos dos veciños, senón que tamén ao subministro das augas empregadas para o abastecemento municipal, sendo especialmente exposta a captación do concello de Boqueixón. Cómpre dicir que as analíticas que se realizan para o control destas augas non cobren o espectro de produtos nocivas para saúde derivado dos tratamentos nos viñedos.

Ademais, o espallamento sen control destes viñedos intensivos xa está supoñendo un freo ao desenvolvemento doutras actividades máis sostibles. Así, as explotacións gandeiras están tendo problemas de dispoñibilidade de pasteiros e terreos para o cultivo de cereais que non estean afectados pola aplicación dos agroquímicos dos viñedos lindeiros.

Todo isto afecta ademais á biodiversidade da zona, por un lado os fitosanitarios utilizados e por outro os lodos erosionados acaban nos mananciais e leitos fluviais, afectando aos hábitats e especies que se pretenden protexer na ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000. Por outra banda, o abonado destas terras está sendo realizado en moitos casos con tecnosoles, sen que se respecten en ocasións a zona de policía das canles fluviais.

A perda de biodiversidade por esta transformación do noso val xa é notoria e de feito a raíz destas
transformacións xa desapareceron diversas especies de aves antes presentes (pica das árbores,
cotovía pequena, picanzo vermello, por exemplo).

Especialmente grave é o que pasou na parroquia de Donas, onde a transformación dos terreos
para viñedos non respectou ningunha cautela ambiental e levou a que se perderan grandes
cantidades de terra pola erosión hídrica, a que desapareceran varios regos por captacións de
augas para a rega para as vides implantadas. Ademais, deforestación de amplas superficies de
monte tivo como consecuencia que se extremaran os picos de augas pluviais, o que pode afectar
aos bancos marisqueiros da ría de Arousa xunto coa deposición dos arrastres de finos.

SOLICITAN que se deneguen todas as novas solicitudes de talas de masas forestais na zona para a súa
transformación en viñedos, que non se subvencione por parte da Administración novas superficies destinadas ao cultivo de viñedos de escala industrial que precisen tratamentos intensivo de fitosanitarios, e que se protexan fronte a este tipo de cultivo a contorna dos núcleos rurais e vivendas e de explotacións agrarias ecolóxicas ou sustentables (orgánicos, biodinámicos, etc), as brañas e outras zonas húmidas e as ribeiras dos cursos fluviais.

Manifesto completo

Podes asinar o apoio á Plataforma a través desta petición en Change.